Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz denuncia que Cajoto non informa á comisión de seguimento da depuradora antes de tratar sobre esta infraestrutura no pleno

Foz, 2 de marzo de 2022. O grupo municipal do PP avisa ao goberno presidido polo socialista Fran Cajoto de que non vai permanecer impasible diante dos reiterados cambios de fecha, con respecto ao acordado pola corporación, para a celebración dos plenos ordinarios. Ao mesmo tempo denuncia que o alcalde incluíu na orde do día da sesión plenaria fixada para mañá un asunto relacionado coa nova depuradora de augas residuais, sen convocar previamente á comisión constituída, por acordo plenario, para o seguimento de todo o relacionado con tan importante infraestrutura. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Unha vez máis, o alcalde cambia a data establecida para a celebración do pleno ordinario, o último xoves de cada mes, para o primeiro xoves do mes seguinte, algo que vai en contra do establecido pola propia corporación municipal: dende o PP non imos volver a admitir isto”. Os populares din que o cambio reiterado “obedece única e exclusivamente á incompetencia e á falta de organización do equipo de goberno, non ao interese do concello; efectivamente, nun momento dado se pode cambiar a data ou se pode facer un pleno extraordinario, segundo unha necesidade propia do concello, pero non pola desorganización do equipo de goberno”.

Castiñeira sinala: “Nesa mesma dinámica de illamento político do alcalde, de incumprimentos de mandamentos da corporación, dende o PP denunciamos que novamente veñen ao pleno asuntos relativos á nova depuradora de augas residuais sen pasar pola comisión específica de seguimento”. Explica que “é unha comisión que foi creada por mandato da corporación, na que ademais dos voceiros de cada grupo están incluídos os representantes das asociacións de veciños afectadas, que deben ser informadas de calquera asunto que vai ao pleno”. Cajoto, di Castiñeira, “segue sen convocar esa comisión, que é absolutamente necesaria nestes momentos, dado que por parte de Augas de Galicia se están dando pasos importantes”.

O portavoz popular destaca: “Cajoto, co permiso do BNG, pretende silenciar as voces da oposición e das asociacións veciñais, con tácticas como esta, que están cerca de ser tácticas caciquís, porque van en contra da participación cidadá propia dunha sociedade democrática”. Sinala “o cacao e as incoherencias que ten o señor Cajoto coa depuradora nova”. É unha infraestrutura “á que sempre se opuxo, porque defendía a ampliación da actual, no peirao, e apoiaba as reivindicacións dos veciños que estaban en contra da nova de Forxán, aos que enganou e meteu en gastos”. Asegura que “o alcalde incorre nunha desorganización absoluta neste tema”. Castiñeira ve a proba máis clara do que di no feito de que “a día de hoxe o expediente da depuradora é o iniciado polo PP e por Augas de Galicia cando gobernaba o Partido Popular”.

Castiñeira resume: “O señor Cajoto está instalado nas súas incoherencias e dende logo os populares non imos admitir que non haxa nin transparencia nin a participación cidadá que demanda un asunto tan importante como é a nova depuradora de Foz”.

Exit mobile version