Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de A Fonsagrada intenta que o Concello inste á Deputación a abrir de inmediato o centro de día, ubicado na residencia, que está autorizado pola Xunta dende marzo de 2017

A Fonsagrada, 7 de marzo de 2022. Os concelleiros populares defenderán na próxima sesión plenaria sendas iniciativas sobre asuntos de gran transcendencia para o municipio, como son os relacionados coa atención ás emerxencias e á terceira idade.

Unha das iniciativas populares, segundo explica o portavoz, José Luís Regueiro, ten por obxectivo que o pleno acorde instar á Deputación de Lugo á apertura inmediata do centro de día, ubicado no centro de atención a maiores Residencial Rois. Regueiro lembra que o centro de día conta con autorización da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social dende o 16 de marzo de 2017. O PP considera inxustificable a demora na posta en servizo do centro de día.

Por outro lado, Regueiro deu a coñecer que os populares levan ao pleno unha moción para acordar instar á Deputación de Lugo a asumir as súas competencias en materia de emerxencias no municipio e para que especifique os medios materiais e humanos dispoñibles para atendelas. Lembra que o PP “solicitou en varios plenos ao Concello que volvese asumir as súas competencias e se adherise de novo ao convenio GES firmado pola Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia”. Ditas solicitudes non tiveron éxito ata o momento.

Regueiro destaca que “co rexeitamento por parte do Concello de A Fonsagrada de ser sede do novo GES, corresponde á administración provincial garantir a prestación deste servizo aos veciñas e veciños”.

Exit mobile version