O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, sinala: “No pleno escoitamos ao señor Tomé falando do presidente da Xunta no mesmo ton co que fala aos deputados do PP, coa prepotencia que o caracteriza. É para estudar o nivel de hipocrisía do señor presidente da Deputación de Lugo, tamén alcalde de Monforte, delegado provincial de Vías e Obras e secretario xeral dos socialistas lucenses. Preguntámonos como é capaz de criticar ao presidente da Xunta de Galicia por querer ser presidente do PP de España e recorrer o país explicando o seu proxecto. O señor Tomé fixo o mesmo hai dous días, evidentemente cada un na súa liña; o señor Feijóo no ámbito do territorio español e o señor Tomé no da provincia de Lugo. Tomé pasou varios días visitando as diferentes delegacións do PSOE; por que el ten dereito a facelo e non o ten o señor Feijóo?”.
O portavoz popular declara: “Todo o mundo coñece a cantidade de cargos que ostenta o señor Tomé. Non atende a ningún, como el mesmo veu a dicir días pasados, ao declarar que dedica máis tempo ao Concello de Monforte e que apenas dedica tempo á Deputación de Lugo; non hai máis que ver como ten as estradas, pese a que é delegado de Vías e Obras”.
Castiñeira di ao presidente da Deputación: “Señor Tomé, déixese de hipocrisías e desa falta de respecto institucional, á que tan acostumados nos ten no que se refire á Xunta de Galicia; deixe de facer politiqueo barato e electoral e atenda ao Concello de Monforte, á Deputación, ás estradas e aos veciños que se queixan, como os de Begonte que presentaron 170 firmas para que arranxe as estradas”.
Na súa calidade de presidente da Deputación, Tome “cada vez que fala representa a todos os veciños da provincia, e as súas meteduras de pata son do presidente de todos os lucenses; corríxase, señor Tomé, débello a todos os lucenses”.