Lugo, 18 de marzo de 2022. O Grupo Provincial Popular volve repetirlle ao goberno da Deputación que diñeiro dirixir para suplementar o Plan Único 2022: “desa partida de gastos que fan todos os anos en convenios de Presidencia para inversións en concellos gobernados por persoas afíns ao goberno provincial e que suman preto de 4 millóns de euros que se poderían engadir ao Plan Único e repartilos de forma obxectivo entre a totalidade dos concellos, os 67 da provincia”.
Así o explicou o voceiro do Grupo Provincial Popular, Javier Castiñeira, tralas “desculpas patéticas” da señora García Porto á petición do PP para aumentar a contía do Plan Único de Cooperación cos Concellos para este ano co obxectivo de paliar os efectos da desbordante inflación que está a padecer o noso país. “Se non sabe que diñeiro dirixir a este fin, demostra a pouca calidade de gobernante que ten a señora García Porto e a pouca experiencia na xestión local”, apunta.
Castiñeira insta ao goberno da Deputación a “deixar de buscar escusas” e poñerse a “gobernar e buscar alternativas. Non lle bote a culpa ao Grupo Popular cando é o que precisamente está ofrecendo respostas a esta situación de alta inflación creada polo Goberno que preside Sánchez, compañeiro socialista de García Porto e Tomé”.
O voceiro popular engade que “se non queren facerlle caso ao Partido Popular, poden facerlle caso ao anterior presidente do organismo provincial”, xa que “cando gobernaba o señor Darío Campos e necesitaba o apoio do Grupo Popular, fixo innumerables xestións para intentar buscar un plan de estradas ou dar cabida ao Plan Único”.
A Deputación do non
Os populares condenan que a de Lugo sexa “a Deputación do non” e sinala que “se houbera vontade, poderíase habilitar financiamento” porque “querer é poder”. Así o demostrou a Deputación da Coruña que preside o compañeiro de Tomé, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que anunciou unha liña de axudas aos sectores afectados pola suba do gasoil tras manter unha reunión cos colectivos, “o mesmo que lle solicitamos dende o Grupo Provincial Popular ao señor Tomé en días pasados: convocar aos representantes do tecido económico da provincia para analizar a situación xerada polo suba dos prezos da enerxía e deseñar medidas de apoio”.
Castiñeira pídelle a Tomé que “tome nota doutros presidentes” como é o caso do seu compañeiro socialista que amosou o seu compromiso cos sectores produtivos da súa provincia afectados pola suba dos prezos provocada polo Goberno presidido por outro socialista, Pedro Sánchez.
A este respecto, o voceiro popular tamén lembrou que “o Goberno galego xa anunciou este xoves un plan de choque con medidas para atallar as consecuencias da alza de prezos e achegar liquidez ás empresas no ámbito das competencias autonómicas”.