Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP considera inaceptables as escusas do goberno local para retrasar a solución ao problema con Gestagua ata que funcione a nova depuradora

Foz, 24 de marzo de 2022. É un feito comprobado a incapacidade de xestión do goberno municipal presidido por Fran Cajoto. Pero tamén está xa sobradamente demostrada a súa covardía, que o leva a deixar que os asuntos municipais podrezan por medo a tomar decisións, aínda que iso supoña importante custos para os veciños de Foz. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Cajoto e Fanego mostran unha actitude covarde diante da problemática dos servizos de abastecemento de auga e de depuración, con Gestagua, ante as débedas que ten que pagar o Concello, neste caso de cerca de 1.200.000 euros. Dicimos que adoptan unha actitude covarde porque non son capaces de aplicar unha das tres solucións que teñen enriba da mesa; poden aplicalas libremente porque teñen o goberno municipal máis amplo que nunca se tivo, porque teñen maioría e non pasa como cando gobernaba o PP, que estaba en minoría”.

Castiñeira explica: “Hai tres opcións. A máis directa é a actualización dos prezos na ordenanza da auga. O PP intentouno facer no 2011-2012 e esta iniciativa foi votada en contra por PSOE e BNG, que estaban na oposición, e por Unifoz, dirixida por Xaime Cancio. A segunda opción que teñen é aprobar unha nova concesión, e para iso o PP xa deixou feitos os pregos de condicións para o concurso. No 2019 quedaron enriba da mesa, pero o alcalde, o PSOE e o BNG, metéronos nun caixón, non quixeron aplicalos e agora veñen os lamentos”. Engade: “A terceira opción é a municipalización do servizo. Teñen esa posibilidade porque teñen a maioría e poden facelo; esa era a súa vontade, porque así o plasmaron en algunha campaña electoral. Tanto PSOE como BNG vían que esa era unha opción viable. Pódeno facer, ¿por que non o fan? Porque, como di a señora Inés López, queren deixar que isto corra ata que teñamos a nova depuradora, pasados varios anos. A verdade é que entendemos que non pode ser por outra cosa distinta a que non se atreven, que non son valentes para afrontar este problema; é moito máis fácil pagar cos cartos de todos os veciños de Foz”.

Para os populares, “o goberno local prefire pagar ano a ano antes que afrontar os problemas”. Castiñeira di que “isto é o que está pasando e é o que nós queremos denunciar; estase desaproveitando un goberno de ampla maioría, que está facendo moito menos que cando gobernaba o PP, en minoría, que conseguía chegar a pactos coa oposición negociando. Isto é imposible pedirllo ao goberno bipartito do Concello de Foz”.

Exit mobile version