Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP afirma que o “déficit de xestión do goberno de Foz obriga ao Concello a aprobar pagos por importe de 1,5M€”

Foz, 22 de marzo de 2022. A estas alturas está sobradamente demostrada a falta de traballo e a incapacidade de xestión do goberno municipal de Foz, presidido polo socialista Fran Cajoto. En cada pleno queda demostrado o déficit de goberno e son evidentes as consecuencias negativas que ten para Foz. No próximo pleno ordinario, de novo se pon de manifesto. O portavoz popular, Javier Castiñeira, explica: “Acabamos de recibir a documentación para o próximo pleno ordinario do Concello de Foz. Podemos cualificar ese pleno como o pleno da vergoña, porque é o do pago das débedas pola malísima xestión do equipo de goberno, que vimos denunciando nos máis de dous anos e medio que levan ao fronte do Concello. Hai unha falta absoluta de rigor e de traballo”. Na sesión aprobaranse pagos por máis de 1,5 millóns de euros, que non sería preciso gastar se a xestión do Concello fora a adecuada.

Castiñeira sinala: “A orde do día inclúe tres puntos que demostran a nosa teoría. O primeiro é o máis grave: o pagamento a Gestagua, unha vez máis, nesta ocasión de 1.124.744 euros, por non ter aprobado o novo concurso da concesión do servizo de abastecemento e depuración. O anterior goberno, a anterior corporación, xa deixou feito o traballo; estaban contratada a elaboración dos pregos á consultora Eptisa, que foron metidos no caixón, non sabemos por que, por parte do alcalde”. Engade: “Levamos máis de dous anos pedindo ao equipo de goberno (PSOE e BNG) que non meteran no caixón dito concurso, posto que nos costaría cartos das arcas municipais. E seguen sen facelo, polo que ademais de ser un derroche de cartos públicos é un engano aos veciños. Socialistas e nacionalistas prometeron municipalizar o servizo de abastecemento e depuración e non fixeron nin unha cousa nin a outra. Iso si, agora hai que pagar máis de 1,1 millóns de euros por atrasos ata o ano 2021”.

Os populares din que outro punto da orde do día, polo que a próxima sesión plenaria merece ser cualificada como o pleno da vergoña, é para aprobar o abono de 382.664 euros en facturas atrasadas de anos anteriores. O portavoz do PP declara: “Demóstrase de novo a mala xestión. Agora que teñen maioría, agora que poden aprobar orzamentos, non é lóxico un recoñecemento extraxudicial por ese importe; ao final imos a sumar máis de 1,5 millóns, para os que hai que tirar do remanentes, dos aforros que conseguiron as boas políticas de goberno do PP en oito anos”.

Castiñeira manifesta: “Hai un punto na orde do día do que nos alegramos, porque é unha petición do PP: a actualización do Servizo de Axuda no Fogar, que leva máis de 2,5 anos caducado. O goberno non fixo nada ata agora por actualizalo, por modernizalo; parece que agora tomaron esa decisión despois de moitas peticións do PP”.

En conclusión, segundo sinala Javier Castiñeira, “a malísima xestión do bipartito está a levarnos a pagar cartos municipais, por importe de 1,5 millóns, cos que se poderían facer moitas cousas en Foz”.

Exit mobile version