O conxunto mariñao iniciou o encontro plantando cara ao todopoderoso Barça e gozou de varias ocasións para adiantarse no marcador. Alex Diz, Wanderson e Pitero probaron a seguridade de Feixas que respondeu con solvencia as acometidas locais. Cara ao ecuador do primeiro período os cataláns comezaron a desperezarse con disparo de Esquerdinha e unha contra finalizada por Adolfo que resolveu Kaluza con solvencia.
Os burelistas alternaron a presión alta cunha defensa baixa para saír ao contragolpe e nun par de rápidas transicións Iago Míguez e Pazos atopáronse de novo con Feixas que sostiña o empate inicial para os blaugranas. Co paso dos minutos Dyego comezou a mostrarse máis activo e levar o tempo do xogo para xerar maior perigo sobre a meta burelense. O Barça mostrou a súa efectividade tras unha boa parede que Povill finalizou á perfección para adiantar ao seu equipo, minuto 16.
Co 0-1 chegaron os mellores momentos dos visitantes que aproveitaron un córner para situar o 0-2 no marcador. Coelho enganchou unha gran volea ante a que Kaluza pouco puido facer. Lonxe de amedrentarse o Burela respondeu con orgullo e David Pazos recortou distancias (1-2) cun gran disparo. Coa renda mínima favorable ao Barça chegouse ao descanso e no segundo acto a escuadra blaugrana aproveitou a súa primeira ocasión para situar o 1-3, minuto 25, tras gran xogada individual de Ortas. O Pescados Rubén Burela non baixou os brazos e a dinámica do partido entrou nun intercambio de golpes nulos.
A dez minutos para o final debutou Shunta Uchida coa camiseta laranxa, o internacional xaponés impulsou ao seu equipo na recta final do partido con varias accións de perigo. Os burelistas buscaron recortar distancias con Alex Diz no xogo de cinco e gozaron de dúas ocasións para logralo pero a sentenza chegou co 1-4 de Adolfo desde propia pista e a porta baleira. David Pazos estableceu o 2-4 final nos últimos instantes dun partido que o Barça gañou con oficio.
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela: Kaluza, Iago Míguez, Isma, David Pazos, Quintela – cinco inicial- Wanderson, Alex Diz, Pitero, Shunta.
Barça: Feixas, Coelho, Dyego, Adolfo, Carrasco –cinco inicial- Povill, Marcenio, Ortas, Esquerdinha, V.Pérez. Goles: 0-1, m.16, Povill; 0-2, m.16, Coelho; 1-2, m.17, David Pazos; 1-3, m.25, Ortas; 1-4, m.38, Adolfo; 2-4, m.40, David Pazos.
Árbitros: Gallo Suárez, Hevia Campa. Tarxeta amarela a Iago Míguez, Pitero e David Pazos de Pescados Rubén Burela e a Ortas no Barça.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 17 de Primeira División RFEF, disputado no pavillón Vista Alegre de Burela. 750 espectadores. O Burela realizou o corredor de honra ao FC Barcelona pola conquista da Supercopa de España en Jérez.