Site icon Crónica3.com A Mariña

O IES Ribadeo ‘Dionisio Gamallo’ gaña a fase provincial do 38 Concurso Escolar do Grupo Social ONCE na categoría de ESO e FP Básica

Lugo, 31 de marzo de 2022. O Colexio ‘Divina Pastora’ e o IES Ribadeo ‘Dionisio Gamallo’ foron seleccionados como gañadores de Lugo no 38 Concurso Escolar do Grupo Social ONCE que, nesta ocasión, convidou aos docentes e estudantes a realizar distintos traballos pola inclusión e a igualdade dentro da súa contorna máis próxima nos ámbitos do lecer, a educación, o emprego ou a accesibilidade universal.

Nesta edición participaron 480 escolares de 8 centros educativos de Lugo, coa coordinación de 10 profesionais da educación.

Baixo o lema “O camiño que nos fai iguais”, este histórico programa de sensibilización educativa pretende impulsar o traballo nos valores de inclusión e igualdade desde a etapa educativa, cunha proposta pedagóxicamente actual e atractiva, baseada na LOMLOE.

Para iso o concurso contou con multitude de recursos e material didáctico para que familias, docentes e alumnado comprendan mellor a temática deste ano.

No 38 Concurso Escolar do Grupo Social ONCE participaron un total de 151.381 estudantes e 2.320 docentes de 1.865 centros educativos públicos, concertados e privados do noso país, desde Primaria ata Bacharelato, ademais de Educación Especial e Formación Profesional.

A participación dos estudantes e docentes realizouse por aulas completas (un traballo-unha aula). Os de Primaria e Educación Especial (Categorías A, B e E) tiveron que facer un cartel que reivindique as pautas para fomentar a inclusión e a igualdade dentro da súa contorna.

Pola súa banda, os de Secundaria, Bacharelato e FP (categorías C e D) deseñaron unha peza audiovisual de 60 segundos como máximo na que transmitan ideas de como fomentar a inclusión e a igualdade no lecer, a educación, o emprego ou a accesibilidade universal.

Os traballos seleccionados polo xurado de Lugo para cada unha das categorías foron:

CATEGORÍA A: 3º e 4º de Primaria
Colexio: Colexio Divina Pastora
Curso: 4º B
Profesor/a: Paula Opazo

CATEGORÍA B: 5º e 6º de Primaria
Colexio: Colexio Divina Pastora
Curso: 6º A Profesor/a:
Paula Opazo

CATEGORÍA C: ESO e FP Básica
Colexio: Ribadeo ‘Dionisio Gamallo’
Curso: 2º Iso A Profesor/a:
Sofía Acebedo

O xurado de Lugo valorou de forma especial a creatividade, a calidade, a mensaxe e a accesibilidade dos traballos presentados. Estivo composto pola directora da Axencia da ONCE en Lugo, Mª Eva Lorente; o conselleiro territorial da ONCE en Galicia, Francisco Javier Farnés; a profesora, Eva Mª Lage; e o profesor da ONCE, José Luis Baña.

Os escolares gañadores pasarán á seguinte fase, a autonómica, cuxa resolución se coñecerá no mes de abril. Os estudantes e docentes que gañen esta edición a nivel nacional, na súa respectiva categoría, recibirán unha tablet co obxectivo de poder seguir creando ideas pola inclusión e a igualdade.

Exit mobile version