Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista alerta do risco de que se perda unha gran cantidade fondos europeos para o mar e a pesca pola baixa execución da Xunta

Santiago de Compostela, 03 de marzo de 2022. A voceira de Pesca do Grupo Parlamentario Socialista, Patricia Otero, alertou hoxe da posibilidade de que se perda unha gran cantidade de fondos europeos para a pesca e o sector do mar pola lentitude e a falta de eficacia da Xunta á hora de executalos.

Otero expresou a súa preocupación por este risco na Comisión de Pesca do Parlamento, onde tras unha pregunta formulada polo PSdeG se evidenciou que aínda quedan por executar 171,50 millóns de euros dos 371,02 de euros que se lle asignaron a Galicia no FEMP. Isto supón “menos do 50 por cento”, en concreto o 42,37 por cento, nunha comunidade “na que o sector é estratéxico e fundamental” e ademais “cando tan so queda pouco máis ano e medio para culminar a súa xestión”.

Na súa pregunta ao goberno galego, Patricia Otero incidiu ademais na ralentización que sufriu a execución destes fondos no ano pasado, algo para o que “non poden usar como pretexto a complexa situación derivada da pandemia”. Nesta liña explicou que en 2020, nos peores momentos da crise da covid, se executaron 62,9 millóns de euros. Mentres, en 2021, a cantidade foi menor e só chegou aos 47,8.

“Falan de compromiso co sector”, advertiu a deputada socialista, “pero ese compromiso ten que ser real, demostrarse con feitos e, neste caso, cun maior grao de execución destes fondos FEMP”.

Ao fío disto, Patricia Otero tamén lamentou a falta de resultados tras a creación por parte a Xunta dunha subdirección xeral específica para axilizar e optimizar a xestión destes cartos. “Tiñamos postas moitas esperanzas en que se notase a posta en marcha deste organismo”, sinalou Otero, “pero o certo é que os datos non o demostran”.

Así, evidenciou que dende maio do ano pasado só se executaron 82,50 millóns de euros. Polo tanto, esa entidade “non está a facer que se cumpra o obxectivo que se marcou cando se creou porque non foi quen de darlle un pulo ao sector”.

Neste contexto, Patricia Otero instou á Xunta a traballar con feitos a prol dos profesionais do mar, executando unha maior cantidade dos fondos FEMP porque “existe a posibilidade de que se perdan moitos millóns de euros e que acaben por non beneficiar ao sector”. Por iso -tras lembrar que Galicia é a comunidade autónoma do Estado que máis cartos recibe neste eido- subliñou que tamén “debemos ser tamén a que máis executemos, a ser posible o cen por cen”.

Exit mobile version