Ao remate da Xunta de Portavoces, a viceportavoz popular, Paula Prado, trasladou “a nosa solidariedade coas mulleres, homes, nenas e nenos de Ucraína que están a sufrir a tan condenable situación de guerra que estamos a vivir”. Neste sentido, condenou “rotundamente a invasión que está facendo o réxime comunista soviético de Vladimir Putin e o seu interese por voltar á antiga Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas, vulnerando dese xeito a liberdade e soberanía do pobo ucraíno”.
AMPARO AOS REFUXIADOS DE UCRAÍNA
Paula Prado lembrou que “a Xunta sempre amosou a máxima solidariedade ante a situación de inxustiza social que se está a vivir en Ucraína e puxo todos os recursos que ten ao seu alcance para poder dar amparo a todos os refuxiados de Ucraína”. Así mesmo, sinalou que “amosou a súa disposición a acoller á poboación de Ucraína con necesidade de atención sanitaria e así llo ten trasladado ao Goberno central”. Concretamente, ofreceuse unha unidade no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, e de ser necesario ampliarase unha unidade máis en cada área sanitaria. Porén, apuntou que “a colaboración neste tipo de circunstancias debe ser coordinada polo Goberno central que debe asumir a súa responsabilidade en materia de política exterior e de control de fronteiras”.
Sobre a orde do día da sesión plenaria da vindeira semana, Paula Prado informou que está prevista a comparecencia do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade para expor o modelo educativo de Galicia.
MEDIDAS POLA IGUALDADE REAL
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará ampliar os programas e axudas destinados á inclusión sociolaboral de mulleres en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social; consolidar os programas dirixidos a mulleres maiores ou con discapacidade; reforzar as perspectivas de xénero nas políticas medioambientais e de xestión do territorio; apoiar a promoción profesional das mulleres no ámbito cultural e a visibilización da súa produción artística; fomentar as boas prácticas e a implicación dos medios de comunicación e eliminar o sexismo nas mensaxes publicitarias; realizar campañas institucionais en torno á igualdade entre homes e mulleres; e consolidar a perspectiva de xénero na actividade de planificación e xestión do deporte galego.
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo a modernización e humanización dos puntos de encontro familiar que actualmente se atopan en funcionamento en Galicia, tal e como está previsto facer nos centros de nova creación.
A celebración do Día Internacional da Muller tamén se verá reflectido nas preguntas que o Grupo Popular realizará ao Goberno galego. En concreto, solicitará a valoración da Consellería de Emprego e Igualdade sobre o cumprimento das medidas do VII Plan estratéxico para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, así como a situación actual e novidades que se poidan avanzar con respecto ao VIII Plan.
Por último, o Grupo Popular tamén se interesará no apartado de preguntas polo reparto dos fondos europeos que está a levar a cabo o Goberno de España e o seu impacto en Galicia, así como pola información de que dispón a Xunta sobre o acordo adoptado e os compromisos adquiridos polo Goberno central e Alcoa para garantir o futuro da planta de San Cibrao na Mariña de Lugo.