Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Municipal Popular cuestiona os resultados e beneficios para Ribadeo da reunión do goberno local con SEPES en Madrid

Ribadeo, 17 de marzo 2022. O Grupo Municipal Popular de Ribadeo cuestiona os resultados e beneficios para Ribadeo da reunión do goberno local con SEPES en Madrid porque “tal e como recollen os medios de comunicación, a propia páxina web do SEPES continúa a establecer uns prezos abusivos e nada competitivos para o solo industrial no polígono de Ribadeo”. Desta forma, considera que “é imposible establecer un proxecto empresarial en Ribadeo”.

O voceiro, Daniel Vega, sinala que “todo o que fixo o goberno do BNG con SEPES foi sacarse unha foto cun Goberno amigo. Pero unha foto que non acredita ningunha xestión en beneficio de Ribadeo. Unha foto baleira de contido”, matiza. “As esperanzas do goberno local trala súa reunión en Madrid non eran máis que falsas promesas”.

Vega indica que “SEPES non rebaixa o prezo do solo e o goberno local do BNG tampouco realiza ningunha xestión seria. O PSOE maltrata coas súas accións a Ribadeo e o BNG xestiona fotos, pero non inversións para o noso municipio e tampouco baixa impostos”.

De feito, “as empresas instaladas no polígono industrial pagan máis impostos municipal que o ano pasado”. Así, volveu condenar a actitude do goberno do BNG porque “leva 16 anos machacando con impostos ás empresas -e, polo tanto, destruíndo empregos- e tampouco fai ningunha xestión para que os prezos do polígono industrial sexan competitivos e non abusivos”.

Xestións serias e concretas
O Grupo Municipal Popular levará este asunto a pleno e preguntaralle ao goberno local polos acordos acadados no encontro con responsables do SEPES.

Os populares esixen actuacións “serias e concretas: baixar o prezo do solo, pero tamén os impostos municipais para facer competitivo o polígono industrial. Necesitamos empresas. Así o reclamamos todos os veciños de Ribadeo porque sabemos que son necesarios postos de traballo para establecer proxectos de vida na nosa vila”.

Exit mobile version