A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, convidou a “asistir a esta primeira proxección deste ciclo que leva o mellor da produción audiovisual galega por todo o país, e que tivo o seu xerme na liña de colaboración que establecemos coa Academia Galega do Audiovisual o ano pasado” e valorou que “a iniciativa permita achegar ás vilas e aos municipios máis pequenos propostas culturais de calidade”, agradecendo o apoio dos concellos e asociacións que colaboran nas proxeccións.
“O Gran Camiño”
Finalista dos XX Mestre Mateo na categoría de Mellor documental, o filme, dirixido por Alba Prol e Raúl García, narra a súa experiencia percorrendo as grandes rutas a pé do mundo: O Pacific Crest Trail, un dos sendeiros máis extremos dos EEUU, o Camiño Inca a Machu Picchu, a ancestral ruta de Kumano Kodo en Xapón e o Camiño de Santiago europeo. Unha viaxe de miles de quilómetros que trata temas universais como as fronteiras, o amor e o sacrificio, os conflitos sociais, a espiritualidade ou o coidado do noso planeta. Foi seleccionado e premiado en máis dunha vintena de certames internacionais
Proxeccións
A Pobra do Brollón – Casa da Cultura Olga Novo. 20.00 horas. Colabora Concello da Pobra do Brollón.
Chantada – Auditorio Municipal. 20.00 horas. Colaboran Concello de Chantada e Airoá Comunicación.
Foz – Casa da Cultura. 18.30 horas. Colabora Concello de Foz.
Sarria – Sociedade Recreativa La Unión. 19.00 horas. Colabora Cineclube Leslie Nielsen
Vilalba – Auditorio Municipal. 20.00 horas . Colabora Concello de Vilalba e Instituto de Estudos Chairegos
O ciclo continuará, nos mesmos espazos, durante os vindeiros meses, proxectándose todas as longametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo, cuxa gala se celebrou a pasada fin de semana. Ademais de “O Gran Camiño”, veranse as longametraxes documentais “A Virxe Roxa”, “A poeta analfabeta” e “Welcome to ma maison” e as ficcións ‘Cuñados’, ‘Jacinto’, ‘Malencolía’ e ‘Tres’