Lugo, 24 de marzo de 2022. O Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, arrancará este sábado coa proxección do documental “O Gran Camiño” en Chantada, Foz, Sarria, Vilalba e A Pobra do Brollón.
A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, convidou a “asistir a esta primeira proxección deste ciclo que leva o mellor da produción audiovisual galega por todo o país, e que tivo o seu xerme na liña de colaboración que establecemos coa Academia Galega do Audiovisual o ano pasado” e valorou que “a iniciativa permita achegar ás vilas e aos municipios máis pequenos propostas culturais de calidade”, agradecendo o apoio dos concellos e asociacións que colaboran nas proxeccións.
“O Gran Camiño”
Finalista dos XX Mestre Mateo na categoría de Mellor documental, o filme, dirixido por Alba Prol e Raúl García, narra a súa experiencia percorrendo as grandes rutas a pé do mundo: O Pacific Crest Trail, un dos sendeiros máis extremos dos EEUU, o Camiño Inca a Machu Picchu, a ancestral ruta de Kumano Kodo en Xapón e o Camiño de Santiago europeo. Unha viaxe de miles de quilómetros que trata temas universais como as fronteiras, o amor e o sacrificio, os conflitos sociais, a espiritualidade ou o coidado do noso planeta. Foi seleccionado e premiado en máis dunha vintena de certames internacionais
Proxeccións
A Pobra do Brollón – Casa da Cultura Olga Novo. 20.00 horas. Colabora Concello da Pobra do Brollón.
Chantada – Auditorio Municipal. 20.00 horas. Colaboran Concello de Chantada e Airoá Comunicación.
Foz – Casa da Cultura. 18.30 horas. Colabora Concello de Foz.
Sarria – Sociedade Recreativa La Unión. 19.00 horas. Colabora Cineclube Leslie Nielsen
Vilalba – Auditorio Municipal. 20.00 horas . Colabora Concello de Vilalba e Instituto de Estudos Chairegos
O ciclo continuará, nos mesmos espazos, durante os vindeiros meses, proxectándose todas as longametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo, cuxa gala se celebrou a pasada fin de semana. Ademais de “O Gran Camiño”, veranse as longametraxes documentais “A Virxe Roxa”, “A poeta analfabeta” e “Welcome to ma maison” e as ficcións ‘Cuñados’, ‘Jacinto’, ‘Malencolía’ e ‘Tres’