Foz, 22 de marzo de 2022. O Concello de Foz mantivo unha reunión de traballo na tarde de onte, luns 21, con representantes das asociacións de veciños do concello, membros da corporación, técnicos municipais e técnicos da empresa redactora do novo rueiro.
O alcalde, Fran Cajoto, agradece “o interese e a boa disposición dos membros das asociacións veciñais e da corporación para traballar nunha planimetría complexa, que queremos que saia cos menores erros posibles. Grazas á axuda de veciñas e veciños, que son os que mellor coñecen o territorio, poderemos detectar erros ou omisións na nova numeración: algún fallo xa saíu nesta reunión. Démonos de prazo ata o 20 de abril para revisar os planos e anotar todo aquilo que vexamos que pode estar mal ou ser mellorado, incluso na delimitación das rúas ou dos lugares: hai que ter en conta que se vai revisar a numeración de todo o concello, 100 quilómetros cadrados, nos que hai moitas vivendas.
Na nova planimetría resérvanse números para aquelas fincas edificables que non están construídas, co obxecto de que o documento sexa válido durante o maior tempo posible”.
Fran Cajoto explica que “a actualización da numeración do rueiro de Foz deriva da problemática que estaban a ter os servizos de correos e paquetería para localizar domicilios ou, o que é máis grave, servizos básicos de emerxencias como ambulancias ou bombeiros. Cuns planos desactualizados, escritos a man e con erros, tomouse a decisión de renovar e actualizar a numeración de toda a contorna do concello”.