Burela, 21 de marzo, 2022. Aquí medra a lingua é o título da última aposta do Consello da Cultura Galega (CCG) na que propón un percorrido audiovisual por seis centros de diferentes contextos da xeografía galega para dar a coñecer os proxectos dos seus Equipos de Dinamización Lingüística. O resultado son seis pezas breves máis un documental no que participaron preto de cincuenta persoas entre alumnado, docentes, familia e comunidade. O primeiro deses traballos presentouse hoxe no IES Perdouro nunha xornada de convivencia na que participou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a directora do centro, María José Pardiñas; a xefa de normalización lingüística do IES, Natalia Irimia; a realizadora dos audiovisuais, Cristina de la Torre, xunto co alumnado do centro. Na sesión proxectouse o primeiro dos capítulos, O modelo Burela, que xa está dispoñible no web do Consello da Cultura Galega (CCG).
“O esforzo que facedes vós de vir ata aquí a presentar o proxecto é para nós un estímulo para seguir camiñando” asegurou Natalia Irimia na xornada de presentación do proxecto Aquí medra a lingua. “O Modelo Burela é tamén dedicación, é esforzo, é compromiso” asegurou Cristian Gómez, alumno do centro que participou no proxecto e que asegurou que esta iniciativa lle fixo atopar a regueifa e dar un xiro de 180 graos á súa vida. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou que “este proxecto amosa seis realidades educativas e lingüísticas moi diferentes, todas elas moi positivas e a base do compromiso, creatividade e vontade de sumar esforzos das diferentes persoas”. Engadiu que “no espello do modelo Burela pódense ver outros galegos, é imitable noutros lugares de Galicia, ao mellor non no conxunto, pero si en parte”.
Burela, punto de inicio
O Modelo Burela é o título do primeiro dos capítulos nos que está estruturado Aquí medra a lingua. Nel explícase un proxecto que arrincou no Instituto de Ensino Secundario de Burela en 2004, como unha intervención educativa destinada á transformación dos usos lingüísticos habituais tanto na comunidade escolar como no seu ambiente social máis inmediato. O proxecto tivo un intenso traballo de campo que chegou a ter unha orientación máis ampla que trascendeu as paredes do centro, chegando a ter a responsabilidade de coordinar a redacción do Modelo Burela de Planificación Lingüística. A iniciativa acadou entre 2008 e 2011 o seu periodo de maior intensidade. No documental tamén se fala dun das súas initiciativas estrela, o programa de Radio Neo, resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do instituto. “Co Proxecto Neo ensinamos Lingua, Literatura e Cultura dun xeito moi práctico; coñecemos experiencias de aprendizaxes de segundas e terceiras linguas; ofrecemos modelos de incorporación de neofalantes; e facilitamos a participación de mozos e mozas en risco de exclusión social” explica Bernardo Penabade, xunto con Miruca Parga son as cabezas visibles deste proxecto, e unha referencia habitual no ámbito da dinamización lingüística escolar en Galicia.
Unha revista, campañas para o uso do galego no comercio, recollida de documentos familiares… son moitas as actividades desenvolvidas desde este centro que propoñen tamén mellorar o acceso ao financiamento destas actividades.
O proxecto
Aquí medra a lingua é un proxecto deseñado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación que coordina Carme Garcia Mateo, que busca amosar que as escolas son un cómplice indispensable na lingua galega e da súa transmisión. As diferentes iniciativas están contadas polos seus propios protagonistas que ofrecen un relato fiel dos proxectos que se están a desenvolver en diferentes centros de toda Galicia. Esta viaxe audiovisual, dirixida pola valdeorresa Cristina de la Torre, está estruturada en seis capítulos que arrincan hoxe O modelo Burela, e que se irán subindo semanalente xunto cunha ficha descritiva de cada centro a un especial do web do Consello da Cultura Galega.
Continúa o 28 de marzo co episodio titulado Reforzar o propio do CPI Virxe da Saleta, e logo seguirán no IES Félix Muriel de Rianxo (4 de abril), no CEIP Barouta de Ames (11 de abril) e no CRA Nosa Señora de Ponteceso (18 de abril) para rematar o 25 de abril no CEIP Barouta de Moaña. Son seis centros que están espallados por toda a xeografía galega, que amosan as diferentes accións de cada centro en prol da lingua, coas dificultades e vantaxes de cada caso. Ao remate, todas esas visións xuntaranse nun documental único que condensa todo o material e que ofrece unha visión realista sobre o galego na escola.
A realizadora
Cristina de la Torre (1977, A Rúa-Ourense) é licenciada en Historia, con Máster en Medios de Comunicación. Ten traballado en prensa escrita, radio e televisión como xornalista. Dende hai uns anos dedícase á consultoría de comunicación e a produción audiovisual. No 2007 dirixiu o seu primeiro documental Apartado 12, e no 2016 estreou Santoalla, documental do que é produtora. Realiza contidos corporativos e proxectos audiovisuais con centros educativos como A lus do Mundo. No 2014 comisariou a exposición Unha ínsua para Díaz Castro, na Deputación de Lugo, e desde o 2017 realiza proxectos de dinamización cultural como Pantasmas de Oza, Manuel Jorge, un pintor libre, Vidas Mariñeiras ou Valdeorras Infinda. O ano pasado xa colaborou co CCG coa realización da curtametraxe documental Falan Elas. Tres xeracións de mulleres trans de Galicia.
Sección de Lingua, Literatura e Comunicación
Aquí medra a lingua é unha actividade proposta pola Sección de Lingua, Literatura e comunicación do Consello da Cultura Galega. Unha área coordinada por Carme García Mateo e que ten entre os seus membros a Elisa Fernández Rei, Víctor Freixanes, Henrique Monteagudo, Eva Sánchez, Nel Vidal, Renée de Palma, Burghard Balstrusch, Carlos Pereiro e Pablo Romero.