Ribadeo, 10 de marzo de 2022. O Concello ven de solicitar unha subvención á Xunta de Galicia para proceder á mellora e acondicionamento exterior da Escola de Ove. O investimento total ascenderá a 13.000 euros. O equipo de goberno quere favorecer a imaxe de Ribadeo como destino turístico ligado ao Camiño de Santiago e como lugar de encontro cómodo e agradable para a veciñanza desa parroquia, segundo explicou hoxe o concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil.
O edil ribadense lembrou que “Ribadeo é porta de entrada a Galicia do Camiño do Norte, un camiño de comercio, cultura e peregrinación que conduce a Santiago de Compostela polo norte. O traxecto, duns 16 quilómetros, iníciase na vila de Ribadeo e percorre varias parroquias do interior, entre elas a de Ove”.
Villamil dixo que “ao pé do camiño de Santiago atópase a Escola de Ove, cuxo estado de conservación exterior non é o máis axeitado. Quixemos desde o goberno municipal aproveitar unha convocatoria de axudas que sacou a Xunta para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago”.
O concelleiro de Medio Rural explicou que “por iso, os técnicos municipais elaboraron un proxecto de mellora e acondicionamento exterior da Escola de Ove, por importe duns 13.000 euros e no que pretendemos pintar todo o edificio, reparar a carpintaría exterior, así como unha serie de obras de mellora que consigan o dobre obxectivo de: por unha banda, favorecer a imaxe de Ribadeo como destino turístico ligado ao Camiño de Santiago; e, por outra, a de mellorar a Escola de Ove, como lugar de encontro cómodo e agradable para todos os veciños e veciñas desta parroquia”.
E engadiu: “agardamos pois que sexamos merecedores da maior axuda posible por parte da Xunta para poder executar estas obras a principios deste verán”.
Ata a Escola de Ove se desprazaron na xornada de hoxe o alcalde, Fernando Suárez, e concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil.