Ribadeo, 14 de marzo de 2022. A concelleira de Obras, Mónica Freire, e o alcalde, Fernando Suárez, supervisaron hoxe os traballos que o Concello está a realizar no acceso desde a parroquia de Ove ata a estrada LU-P-5207, que pasa polo antigo tramo do tren mineiro. O investimento ascende a 32.000 euros.
A edil ribadense contou que “hoxe quixemos achegarnos para comprobar in situ como se están a executar as obras de mellora da pavimentación dese acceso desde a parroquia de Ove ata a estrada LU-P-5207, traballos que comezaron hai xa unhas semanas”.
Mónica Freire explicou que “o que se pretende con esta actuación é fundamentalmente mellorar o pavimento deste tramo de viario urbano, que se atopaba en moi mal estado porque ademais de que non se acometera ningunha actuación de mellora desde hai moitos anos tamén soporta un intenso tráfico porque comunica a parroquia de Ove co centro urbano”.
A concelleira de Obras dixo que “a actuación principal que se pretende realizar con estas obras é a mellora das características superficiais do pavimento existente mediante un firme de aglomerado en quente. Executaremos ademais obras de fábrica como o levantamento de tapas ou a colocación dunha rigola para recoller a auga da chuvia, incluíndo por suposto a sinalización horizontal e vertical deste tramo”.
Freire Rancaño engadiu que “o orzamento desta actuación supera os 32.000 euros e contamos que estea rematada nas vindeiras semanas. E esta será a primeira obra doutras dúas moi importantes que virán cambiar a faciana actual desta zona sur da nosa vila. Lembrar que se atopa en licitación a mellora de varios viarios do barrio da Pega e da rúa Río do Amalló e que nos vindeiros días comezarán tamén as obras na estrada da Deputación LU-P-5207. Isto vai cambiar totalmente a realidade desta zona tan importante, concorrida e habitada da nosa vila”.