Viveiro, 7 de marzo de 2022. O Concello de Viveiro presenta o seu programa de actividades con motivo do Día Internacional da Muller, que se celebra este martes 8 de marzo. A programación deste ano ten como eixo central a figura de Maruja Mallo, co obxectivo de reivindicar e dar visibilidade ao traballo das mulleres artistas.
“A igualdade de xénero é unha prioridade de goberno para nós, polo que con estes actos agardamos sumar a toda a cidadanía. Este ano adquire ademais un valor especial, reivindicando a figura dunha das grandes artistas, como é Maruja Mallo”, subliña a alcaldesa, María Loureiro.
Deste modo, mañá martes 8 de marzo ás 20:30, celebrarase unha concentración na Praza Maior na que se darán lectura a diferentes manifestos. Mulleres de diferentes ámbitos e idades serán as protagonistas destas lecturas, entre elas, a actriz da Mariña Estíbaliz Veiga, dúas rapazas do grupo de Participación Xuvenil de Viveiro, así como integrantes da Asociación Fuga de Viveiro.
“Este ano queremos visibilizar ás mulleres que crean en todos os ámbitos culturais que sofren unha forte invisibilización do seu traballo”, explica a concelleira de Cultura de Viveiro, Lara Fernández Fernández-Noriega. Deste modo, “reivindicamos ás mulleres creadoras, que sofren a desigualdade, do mesmo modo que sufrimos o resto das mulleres”, engade a edil.
Ademais, o grupo de Participación Xuvenil de Viveiro instalará en diferentes puntos de Viveiro mensaxes deseñadas polos participantes para sensibilizar na loita das mulleres pola igualdade de xénero.
Dito grupo, creado pola concellería de Benestar Social, participa dende a súa creación en diferentes actos da vida social e cultural de Viveiro. O obxectivo do goberno local é integrar á mocidade nestes actos, outorgándolles voz a quen conformará a sociedade do futuro.
Doutra banda, durante os actos ofrecerase un agasallo ás persoas que participen. Consistirá nun imán, elaborado polos usuarios e usuarias de ASPANANE de Viveiro, coa imaxe de Maruja Mallo. A artista viveirense protagoniza este ano o cartel das actividades, co obxectivo de visibilizar a súa figura.
Dende o Concello de Viveiro invítase á cidadanía a sumarse a esta data de reivindicación. “Ben sexa acudindo aos actos ou tamén decorando as súas fiestras, balcóns ou mesmo na súa roupa con prendas ou panos de cor violeta”, engade a responsable de Cultura.