Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo celebrará diversos actos con motivo do Día Internacional da Muller

Mondoñedo, a 3 de marzo de 2022. Con motivo do Día Internacional da Muller, o Concello de Mondoñedo, a través do Centro de Información ás Mulleres, organiza unha serie de actividades conmemorativas.

Por unha parte, está en marcha unha nova edición do concurso Debuxando en Igualdade, no que se invita ao alumnado dos centros de Primaria e Secundaria dos concellos de Mondoñedo, Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto a participar cunha obra orixinal, na que a temática sexa a igualdade entre mulleres e homes. O prazo de presentación de traballos rematará o 25 de marzo de 2022 e haberá agasallos para as mellores obras, consistentes en libros de lectura e material escolar. As bases de participación foron remitidas aos centros educativos e aos departamentos de Servizos Sociais dos concellos citados, podendo consultarse tamén no CIM e nas súas redes sociais.

Os actos institucionais e centrais serán o martes 8 de marzo e terán lugar no Auditorio Municipal, a partir das 11.15 horas. En primeiro lugar, darase lectura á Declaración Institucional en prol da igualdade que cada ano realiza o Concello para, a continuación, efectuar a presentación do novo panel da exposición A Historia de Mondoñedo leva nome de muller. Nesta exposición, inaugurada no ano 2017, faise mención ás representantes do pasado, presente e futuro de Mondoñedo que dunha forma ou outra resultaron ser pioneiras na historia local. En este 2022 o panel estará dedicado a Magdalena de Luaces Estoa y Miranda (introdutora do cultivo do millo en Mondoñedo), Isabel Morán Cabanas (filóloga e investigadora), Susana Rodríguez Gacio (deportista de elite) e as leiteiras de Mondoñedo (oficio tradicional de mulleres). O panel de 2022 estará exposto durante todo o ano na entrada da Casa do Concello e os anteriores poden visitarse na sala de reunións de Servicios Sociais – CIM, situada no baixo da Casa do Concello.

Trala presentación do panel, proxectarase o documental Hijas de Galicia. Macorinas, unha obra dirixida por Xosé Lois Santiago e Francisco Manuel Naveira sobre a emigración das mulleres a Cuba no século XIX e principios do século XX e como foron explotadas, así como da importancia que para elas tivo a sociedade “Hijas de Galicia”, impulsada pola mindoniense Andrea López Chao. Despois da proxección, haberá unha mesa redonda coa participación dos directores, da xornalista e escritora María Xosé Porteiro García e das concelleiras de Benestar e de Igualdade, Ángeles Rodríguez Rico e Beatriz Meilán Rego. Pecharase a xornada coa interpretación dunha peza musical.

Estas actividades están financiadas cos fondos recibidos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, a través do Ministerio de Igualdade.

Exit mobile version