Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo, ABANCA e Afundación asinaron un convenio para amosar «Castelao grafista (facsímile)»

Mondoñedo, 25 de febreiro, 2022. Afundación, a Obra Social de ABANCA, o concello de Mondoñedo e ABANCA asinaron esta mañá, na Casa do Concello, o convenio de colaboración para o desenvolvemento da mostra «Castelao grafista (facsímile)». No acto de rúbrica estiveron Manuel Ángel Otero Legide, alcalde de Mondoñedo; Óscar Rodríguez Rodríguez, coordinador institucional de ABANCA en Lugo; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano. Esta mostra está incluída en «Corrente cultural», un programa enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación.

«Castelao grafista (facsímile)» permanecerá aberta ata o vindeiro 2 de maio e poderase visitar de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 h e, de tarde, de 16.00 a 19.00 h en función da demanda da Oficina de Turismo. A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación, debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, retratos fotográficos, caricaturas e debuxos e portadas de revistas.

Esta exposición enmárcase na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.

Exit mobile version