Cervo, 04 marzo de 2022. O concello de Cervo vese na obriga de buscar diferentes alternativas para tentar rebaixar o consumo eléctrico, en concreto na Piscina Olímpica Municipal de Lieiro, debido á esaxerada subida do prezo do recibo da luz nas últimas datas.
Representantes do goberno municipal mantiveron unha reunión o pasado venres con varios traballadores municipais, co obxectivo de atopar posibles solucións á hora de tentar reducir o consumo eléctrico.
Esta alta subida do prezo da luz encarece dunha forma moi elevada os custos de mantemento desta instalación municipal, que segue tendo o mesmo nivel de consumo que os meses anteriores.
O pasado mes de xaneiro, a factura da luz chegou a quintuplicar o seu prezo habitual, pasando de cantidades que xiraban entorno aos 2.200 euros nos meses de novembro e decembro, a chegar aos 10.600 euros de xaneiro.
O alcalde, Alfonso Villares: “se o prezo da luz segue tan alto como agora, e como parece, segue subindo, váisenos facer moi complicada a viabilidade de manter unha instalación como a Piscina Olímpica Municipal de Lieiro”.
“Este encarecemento do prezo da luz altera en gran medida a economía do noso Concello. Por conseguinte, se estes prezos persisten, teremos que tomar medidas, que poden afectar á prestación deste servizo que leva tantos anos en funcionamento”.
Villares apela a que “o Estado adopte algunha solución, xa que con estes prezos eléctricos tan altos, as economías familiares vanse ver moito máis afectadas e os servizos públicos, cada día que pase, serán máis difíciles de manter”.