Cervo, 15 marzo de 2022. O Concello de Cervo vai mellorar e acondicionar un camiño que transcorre polo núcleo de Abrigo, na parroquia de Rúa, que da acceso a diferentes fincas da zona.
O alcalde, Alfonso Villares, a tenente alcalde, Dolores García Caramés, e a delegada de Obras e Infraestruturas, Mali Méndez, achegáronse ata a zona onde se proxecta a actuación, xunto co pedáneo e veciños de Rúa, para proporcionarlles a información sobre a obra que se vai realizar nas vindeiras datas.
O proxecto contempla a ampliación do ancho do camiño, de maneira que se facilite o acceso ás fincas localizadas nesa zona. Levantarase, tamén, un muro de dique para a contención da estrada, de 25m de largo e 2,5m de ancho, e así estabilizar o noiro existente.
Levarase a cabo – tamén – unha pavimentación do vial mediante a extensión e compactación dunha capa de xabre.
O orzamento desta execución elévase ata os 21.416 euros, que serán financiados con fondos propios.
O rexedor, Alfonso Villares, sinala que “esta actuación pretende mellorar a accesibilidade ás diferentes fincas que se atopan no núcleo de Abrigo, na parroquia de Rúa. Con esta obra incrementamos as infraestruturas básicas e melloramos a accesibilidade dunha zona rural do noso municipio” apuntou o alcalde.
Por último engadiu que “desde o noso equipo de goberno traballamos a diario co obxectivo de equilibrar a balanza de servizos básicos entre as zonas urbanas e rurais, facilitando que para a nosa veciñanza sexa igual de atractivo vivir nun sitio que noutro”.