A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro García, anima á veciñanza da Mariña e do resto de comarcas da provincia a unirse a este concerto que será gratuíto. “O directo de Habelas Hainas é marabilloso e creo que nos van sorprender unha vez máis, elas son catro mulleres cun repertorio de música tradicional dándolle unha visión fresca e actual”, explica.
Loureiro incide en que mulleres coma as compoñentes de Habelas Hainas son un exemplo “para todas nós e para as nosas nenas e nenos”. “O que pretendemos con este ciclo é sensibilizar, romper estereotipos e favorecer a visibilización e o empoderamento das mulleres a través da música de mulleres con voz propia que cantan e expresan os nosos dereitos a través da música, como o fan os catro grupos que eliximos para o cartel”.
A Deputada pon o foco en que “cada vez máis temos máis voces no noso panorama musical mulleres que fan música con linguaxe propia, que lle poñen letra á nosa realidade e reivindicacións, que falan das diferentes formas de querer, e que son o exemplo de como xuntas somos máis e mellores”.
Habelas Hainas, mirada feminista e social
Habelas Hainas é un grupo de mulleres que é un exemplo do novo trad e folk galego, onde as mulleres van ocupando, cada vez máis, o protagonismo. O grupo nace en 2010 cando Arantza Alfaia, Patricia Gamallo, Jara Ortiz e Sandra Tamayo, cada unha delas cunha longa traxectoria no mundo da música tradicional, cruzan os seus camiños. Cantan dende unha óptica feminista e socialmente comprometida cun son enérxico e orixinal onde soa o tamboril, o bombo, darbuka, caixón flamenco, o bombo, a pandeireta , a gaita, a guitarra, o acordeón, os crótalos árabes e o pandeiro.
Boa acollida dos concertos
Este ciclo musical que lanzou a Deputación arrancou a súa primeira edición con boa acollida nas primeiras actuacións. O venres en Vilalba contouse co concerto de Laura LaMontagne & PicoAmperio; o sábado con Uxía na Fonsagrada, e De Vacas en Taboada. O concerto de Habelas Hainas clausura esta primeira edición na comarca da Mariña.