Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG reclama controis do mercado enerxético por parte do Estado para darlle unha solución definitiva á escalada de prezos

Lugo, 29 de marzo de 2022. O BNG defendeu no Pleno provincial a intervención no mercado eléctrico para dar unha solución estrutural á escalada de prezos que ven lastrando aos sectores produtivos e ás familias galegas.

O voceiro nacionalista Efrén Castro fixo fincapé nesta cuestión no debate dunha moción que reclama aos gobernos do Estado e da Xunta de Galiza medidas urxentes para paliar as consecuencias da crise inflaccionista histórica que afecta á economía galega que, incidiu, se “agravou coa invasión de Ucraína pero que arrastramos desde antes”.

O deputado do BNG argumentou que a “illa enerxética” que recoñeceu a Unión Europea para a Península Ibérica dá a razón á demanda dunha tarifa eléctrica galega, que teña en conta que Galiza é un país produtor e exportador de electricidade.

Ademais da intervención inmediata no sector enerxético para controlar os prezos da electricidade e do gas, a moción propón a baixada selectiva do IVE de produtos e subministros básicos ou a protección do sector primario evitando a venda a perdas e impulsando a compra pública de pensos para garantir a subministración.

A proposta tamén reclama a necesidade dunha revisión impositiva para unha fiscalidade xusta e redistributiva que compense a perda de poder adquisitivo dos sectores máis vulnerábeis contemplando no IRPF a inflación e revisando os principais impostos para que pague máis quen máis ten e se distribúa a riqueza.

O deputado nacionalista defendeu esta batería de medidas para que a crise xenerada pola escalada de prezos non a paguen as maiorías sociais. “Evidentemente traemos medidas para que o Estado exerza un control sobre o mercado”, reafirmou fronte ao PPdeG, que votou en contra criticando “o intervencionismo” das medidas, e do PSdeG que se cinguiu “ás medidas que se aprobaron no Consello de Ministros”.

Declaración institucional e moción sobre a invasión de Ucraína
No Pleno desta mañá ratificouse unha declaración institucional de condena á invasión de Ucraína consensuada polos tres grupos da corporación provincial o pasado 8 de marzo. O voceiro do BNG lamentou que o PSdG, secundado polo PPdeG, buscase romper esa unidade cunha moción que subordinaba a condena á invasión rusa ao “firme compromiso” coa OTAN.
Tras non se aceptar por parte do grupo socialista unha emenda de substitución do BNG referenciada na Unión Europea, Efrén Castro lamentou que “ nunha moción que quere falar da paz se faga unha defensa a ultranza dun mecanismo de guerra como e á OTAN” e reiterou “a condena clara e inequívoca da invasión da Ucraína por parte do exército ruso”

Exit mobile version