Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2022. Pleno. Ante a inflación máis alta dos últimos 30 anos e as consecuencias da crise económica sobre os fogares, empresas e sectores produtivos, a deputada do BNG, Noa Presas interpelou ao concelleiro de Facenda, Miguel Corgos afirmando que a Xunta ten competencias para tomar medidas e aínda que as previsións económicas prevían unha crise temporal, de momento, dixo, parece que non vai ser así e mesmo debemos contar con intensos incrementos a curto prazo polo impacto da guerra de Ucraína.
A nacionalista propuxo cinco medidas urxentes que, ao seu xuízo, o goberno galego pode poñer en marcha si realmente, “ten vontade política para facelo”. Dende o BNG propoñemos: axudas directas para o se sector primario, medidas fiscais para aliviar ás rendas máis baixas, incrementar as principais axudas sociais, como as axudas de violencia machista, pobreza enerxética ou o Ingreso Mínimo Vital e compatibilizalas coa Risga, incrementar en 100 euros as pensións non contributivas e rebaixar as autovías e transporte público de competencia galega.
A economía galega, explicou Presas, viña ferida polas consecuencias da pandemia, a crecente desigualdade social e a debilidade dun modelo económico que non se recuperou da crise financeira do 2008.
Estamos ante un problema social e económico de primeira orde que está a afectar con maior “intensidade ao noso país ” de aí a necesidade de tomar decisións políticas para “facer valer a Galiza”. O Goberno galego, “non pode permanecer na súa parálise” e exercer de goberno “tertuliano” que se limita a mirar e criticar os demais sen achegar solucións, porque iso é o que están facendo, “máis ocupados na supervivencia do Partido Popular que na supervivencia da xente deste país”.
Na interpelación ao goberno, Presas exixiu ao conselleiro de Facenda “concreción” nas medidas para combater a suba dos prezos e explicou que a inflación sobe máis en Galiza pero Feixóo, ironizou a deputada, que xa debeu empadroarse en Madrid falaba do 7,6% de inflación en febreiro cando en Galiza subiu até o 8%, 4 décimas máis por riba do Estado. Atendendo a tendencia dos últimos meses constatamos que a “inflación é máis intensa” e o empobrecemento en Galiza “máis rápido”.
Neste sentido, afirmou que a sociedade galega empobrécese máis rápido cun salario medio de 600 euros máis baixo que a media estatal e coas pensións das máis baixas, “o colchón co que enfrontar esta crise é máis fino cando o golpe está sendo máis intenso”, aseverou.
Por outra parte, engadiu que os efectos da inflación impactan gravemente na estrutura económica: industria electrointensiva, sector marítimo pesqueiro, gandeiro e no consumo dos fogares e o ocio ao que engadiu a alta dependencia comercial por vía marítima e estrada e unha deficiente rede de transporte público.
Presas cualificou de “bluff” o anunciado plan de choque da Xunta porque se reduce, dixo a “notas de prensa, cero medidas no DOG e ningunha medida fiscal”. Onde están as axudas directas? A que esperan? preguntou.
Tras a intervención do conselleiro de Facenda, a deputada do BNG, volveu a propoñer as cinco medidas que o BNG considera deben ser abordadas “de inmediato” para paliar as consecuencias da brutal escaladada de prezos.
“Si foi rescatada a Banca e agora están sendo rescatadas as eléctricas, o goberno debe rescatar á xente”, concluíu.