A concelleira do Bloque, Míriam Bermúdez, pon o foco en tres medidas de urxencia para o rural de Viveiro, entendendo que “son medidas esenciais e mínimas que o goberno de María Loureiro, por obriga, non debera pasar por alto”. As nacionalistas propoñen:
. Mudar a situación na que se atopan as estradas que son de titularidade do Concello de Viveiro. O BNG xa propuxera un elaborado Plan de Mantemento de Estradas Municipais, con políticas convenientemente estruturadas e axendadas que incluía tarefas de mantemento, conservación e mellora de estradas. Un Plan rexeitado por María Loureiro en pleno pero no que se ve da súa necesidade con cada día que pasa, sen observación nin planificación das obras e actuando tan só baixo denuncia pública; hai uns meses en Boimente a traves das redes sociais e do BNG, e hai uns días nas Pallaregas á raiz dunha exitosa recollida de sinaturas veciñal queixándose do abandono das estradas competencia do Concello.
. Comunicación a internet de alta velocidade, onde o BNG xa reclamou da administración local, autonómica e estatal, unha solución tecnolóxica para estes núcleos rurais de Viveiro que están en “zonas de sombra”. María Loureiro de momento non quixo afondar neste tema reclamándoo desde a alcaldía, nin á Xunta nin ao Estado. As comunicacións por internet de alta velocidade son a día de hoxe imprescindibles para calquera trámite.
. Primordial dinamizar o rural apoiando o sector cárnico. O matadoiro municipal leva 10 meses pechado pola carencia de traballos de inspección, comprobación e supervisión á subcontrata en todos estos anos que María Loureiro está no goberno. Mais agora que está pechado, tampouco se ve interés nin avances para a súa reapertura da que dependen gandeirías e carnizarías do noso concello e arredores. É de obriga que o equipo de goberno traballe na búsqueda de solucións, na redacción de pregos para a posterior licitación e mesmo na búsqueda de fondos para subsanar as deficiencias que presenta a edificación.