A Mariña, 24 de marzo de 2022. O BNG vén de presentar en Foz, en rolda de prensa diante da Delegación de Facenda a campaña “Contra a suba de prezos, fagámonos valer”. O deputado Daniel Castro e o responsable comarcal Antonio Veiga, acompañados de cargos orgânicos e institucionais deron conta das propostas e medidas urxentes do BNG para enfrentar esta situación que ainda se ve mais agravada na comarca da Mariña coa crise industrial e de emprego que está vivindo.
Para xs nacionalistas a suba xeneralizada de prezos que estamos a vivir non está provocada por unha única causa. Son varios os elementos que están a provocar esta situación. A guerra agrávaa, mais a situación xa viña de antes e a pandemia tampouco explica todo. Vivimos ademais un contexto de escaseza de materias primas, problemas de subministro a nivel mundial, perda do control público sobre sectores clave como a enerxía, etc. O máis importante é que a suba de prezos está condicionada por decisións políticas, que poden empeorar ou aliviar os seus efectos. Polo tanto, hai marxe para actuar e evitar que as maiorías sociais paguen esta crise mentres grandes empresas como as da banca ou as eléctricas multiplican beneficios. Neste sentido o deputado mariñao afirmou que “desde o BNG levarase unha ofensiva a todas as institucións cun decálogo de medidas orientadas a paliar a grave situación que están a vivir os galegos e galegas. Todo esto sumado á manifestación nacional do domingo 3 de abril en Santiago de Compostela”.
Nese decálogo destacan, unha fiscalidade xusta que compense a perda de poder adquisitivo dos sectores mais vulnerables, a baixada selectiva o IVE dalgúns bens e servizos básicos, intervención do sector eléctricos, incremento das pensións e salarios mais baixos, medidas de urxencia para a mobilidade e o transporte, protección do sector agrogandeiro……
O responsable comarcal Antonio Veiga informou tamén que haberá servizo de buses para asistir á manifestación o domingo 3 de abril, e quen o desexe pode anotarse no tfno. 982 140 654 e no correo amarinha@bng.gal . Así mesmo deu conta de que ata o día 3 haberá reparto de dípticos e mesas informativas polas vilas da Mariña, e presentaránse tamén mocións en todos os concellos.