Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG en Ribadeo propón unha serie de medidas fiscais e económicas para facer fronte á grave situación pola que estamos a pasar

Ribadeo, 26 de marzo, 2022. Despois de todos os esforzos feitos para saírmos adiante tras a crise da COVID-19, agora témonos que enfrontar a unha suba de prezos descontrolada. Entre os problemas de abastecemento a nivel internacional pola crise sanitaria, pero sobre todo por mor da acción especuladora dos grandes oligopolios, cada vez máis queda a sensación de asfixia económica a cada paso máis difícil de soportar.

Falando de oligopolios, ben temos na nosa memoria o entusiasta abrazo de Ignacio Sánchez Galán (Iberdrola) felicitando a Núñez Feijóo: entre amigos andaba o conto. A proposta enerxética en clave de país feita polo goberno bipartito foi botada abaixo nada máis chegar ao goberno o PP. Aquilo foi unha grande estafa política para o país. E agora éo a suba incontrolada do prezo da luz, dos prezos en xeral, por non saber acoutar o afán especulador dos grandes oligopolios enerxéticos.

Tras uns meses nos que pouco a pouco fomos vendo subir os prezos de bens básicos, agora a situación faise dramática. Á pobreza enerxética (a incapacidade de manter uns servizos básicos no fogar por mor do medo ao recibo da luz, do gas, ou á suba da bombona de butano) agora hai que engadir a preocupación pola alimentación diaria, ademais dun ben básico como é dispoñermos de medio de transporte para acudir ao traballo. A crise derivada da guerra de Ucraína, e intereses ocultos que aproveitan a ocasión para sacar tallada, son a combinación ideal para a tormenta perfecta.

A estupidez política infinda de Enrique Ossorio (PP) negando a pobreza, así como a defensa arrogante de semellante actitude negacionista feita por Isabel Díaz Ayuso, co consentimento de Núñez Feijóo, son unha falta de respecto para todas as persoas que o estean a pasar mal e un insulto á intelixencia. Abrazando aos grandes oligarcas, e mimando a arrogancia. Velaí a política do señor Feijóo, que anda de xira por aí adiante, namentres os problemas en Galiza aumentan. E el, ausente; pensando no seu futuro político; empregando a súa responsabilidade como presidente da Xunta para facer política partidaria en clave persoal. Pero no BNG temos propostas que facer para afrontar esta situación tan delicada. Temos un compromiso co país e cumprímolo. Pensamos en Galiza, en clave galega.

Propoñemos medidas fiscais para compensar a perda do poder adquisitivo da xente máis vulnerábel facendo pagar máis a quen máis ten, e non facendo pagar a todos/as por igual. Demandamos que baixe o IVE de determinados bens e servizos (xa sexa alimentación, hixiene persoal e tamén especificamente feminina, transporte e enerxía). Cremos que hai que intervir o sector eléctrico acoutando eses beneficios “chovidos do ceo” das grandes eléctricas; hai que desvincular, no mercado maiorista, o prezo da electricidade do prezo do gas, e revisar o Estatuto das Electrointensivas (que non se adapta á realidade galega).

Os impostos sobre hidrocarburos deben ser reducidos temporalmente. Pero tampouco debemos esquecer a nosa aposta polo transporte público. Se tivésemos un bo servizo de FEVE e boas liñas de autobús estariamos noutras condicións para afrontar unha situación coma esta.

O sector primario tamén require de atención, pois a suba dos prezos, e a escaseza de determinados produtos derivada da guerra Ucraína, está a afogar os nosos gandeiros e gandeiras. Tamén o sector da pesca se ha ver beneficiado das medidas que estamos a propoñer referidas á redución de prezos dos combustíbeis.

Dada a situación extrema que estamos a vivir hai que actualizar as principais axudas sociais e intervir no mercado da vivenda para facilitar o acceso á mesma de todos, especialmente da xente máis nova, á que tamén van dirixidas outras medidas que propón o BNG (como a mellora das súas condicións laborais). Esta situación de crise aumenta a desigualdade entre homes e mulleres, por iso propoñemos medidas específicas destinadas a erradicar a fenda de xénero.

Son 10 medidas, cada unha delas con propostas específicas, que presentamos ante a sociedade galega e que levamos ao Parlamento galego. Pero alí o señor Feijóo tan só pensa en clave persoal mandando facer aos demais o que el non fai polo seu país, actuando máis como candidato a presidir o PP estatal que como presidente da Xunta que aínda é. Para facer valer a nosa posición, e para que a Xunta e o Goberno central tomen medidas que eviten o colapso dos nosos sectores económicos e a angustia de moitas familias, o BNG convoca unha manifestación o vindeiro domingo 3 de abril en Santiago de Compostela baixo o lema “Os prezos soben; os teus cartos baixan: fagámonos valer”.

Exit mobile version