O grupo nacionalista rexistou esta mañá a iniciativa, que fai énfase nas consecuencias que a escalada de prezos ten sobre as persoas con menos recursos, ás que afecta máis a perda de poder adquisitivo derivada dunha taxa de inflación que en Galiza chega ao 8%.
O voceiro da formación nacionalista Efrén Castro sinalou que “estamos ante unha crise inflacionista histórica que está afectando gravemente aos sectores produtivos e emprobrecendo ás familias, que teñen cada vez máis difícil chegar a fin de mes con esta escalada de prezos” e reclamou “medidas urxentes” aos gobernos do Estado e da Xunta.
“A suba de prezos está condicionada por decisións políticas, que poden empeorar ou aliviar os seus efectos. Polo tanto, hai marxe para actuar e evitar que as maiorías sociais paguen esta crise mentres grandes empresas como as da banca ou as eléctricas multiplican beneficios”, sostén a formación nacionalista, que sinala o impacto específico da suba xeneralizada de prezos na economía galega, polo peso do sector agrogandeiro e pesqueiro, a dispersión poboacional ou as carencias históricas en transporte público.
Entre as propostas recollidas na moción, figuran a intervención inmediata no sector enerxético para controlar os prezos da electricidade e do gas, a baixada selectiva do IVE de produtos e subministros básicos ou a protección do sector primario evitando a venda a perdas e impulsando a compra pública de pensos para garantir a subministración.
Ademais, sinálase a necesidade dunha revisión impositiva para unha fiscalidade xusta e redistributiva que compense a perda de poder adquisitivo dos sectores máis vulnerábeis contemplando no IRPF a inflación e revisando os principais impostos para que pague máis quen máis ten e se distribúa a riqueza.