Santiago de Compostela, 2 de Marzo de 2022. Tras condenar rotundamente a invasión a Ucraína e mostrar a solidariedade do BNG con toda a poboación, así como a necesidade de converter Galiza nun país de acollida das persoas refuxiadas, o viceportavoz do BNG, Manu Lourenzo avanzou os asuntos que serán debatidos no vindeiro pleno, coincidindo coa celebración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.
Lourenzo anunciou que o BNG centrará os debates en varias propostas en “defensa da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres”.
Na práctica totalidade das iniciativas que incorporamos á orde do día deste pleno, agás dúas, explicou o nacionalista, están centradas na problemática da muller como as proposicións non de lei para avanzar no recoñecemento e dignificación e equiparación de dereitos das traballadoras do fogar. Demandamos dereitos para mulleres que fan un traballo, en demasiadas ocasións, “ invisíbel e invisibilizado”, cun gran impacto na economía, que sería insostíbel sen esa contribución “non remunerada das mulleres”.
O último dato que temos respecto do valor xerado polas actividades no ámbito doméstico, sitúase no 50,6% do PIB de Galiza, segundo a última Conta Satélite publicada no ano 2013. Neste sentido, anunciou que o BNG exixirá actualizar os datos e estudos para avanzar nas demandas dos colectivos de traballadoras do fogar e na “súa dignificación e protección”.
Outro dos eixos nos que os problemas das mulleres estiveron enriba da mesa e nos que o BNG ven traballando ten que ver coa situación das mulleres no mundo do mar polo que interpelaremos ao goberno galego sobre as problemáticas que afectan as mulleres neste sector. As mulleres ocupan “un de cada catro postos”, sen embargo continúan sendo “invisibles” e non se recoñece o impacto do seu traballo na economía.
Incidiremos, ademais no enfoque de xénero no ámbito sanitario e unha das nosas preguntas será sobre as problemáticas específicas da muller na sanidade. “Levamos tempo denunciando os problemas de infradiagnósticos, diagnósticos tardíos u casos de posíbel sobrediagnóstico” , pensemos que no caso das enfermidades mentais, o 85% dos psicofármacos adminístranse a mulleres.
Outro dos eixos será a problemática das mulleres no rural, ao que sumaremos a situación das mozas galegas e a “fenda galega de xénero” para a súa integración no mercado laboral. Lorenzo lembrou que o “73% do emprego perdido durante a pandemia corresponde ás mulleres”.
O viceportavoz lembrou que o día dez de marzo celébrase o Día da Clase Obreira Galega e o BNG presentará en pleno unha proposta para declarar este día como “oficial da clase traballadora galega”.
Finalmente, o deputado aludiu á pregunta da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón a Feixóo na que a nacionalista requirirá do presidente do goberno do PP “un exercicio de honestidade” e que responda se vai continuar empregando Galiza como unha sala de espera dos seus intereses persoais e os de Xénova. Debe clarificar unha situación que precisa de dedicación absoluta ante os novos retos aos que as galegas e galegos nos temos que enfrontar, afirmou o viceportavoz do BNG.