Lugo, 12 de marzo de 2022. A área de Medio Rural da Deputación de Lugo renovará a colaboración coa Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia (OVICA), cunha achega de 10.000 euros destinada aos proxectos de formación, asesoramento, apoio técnico e promoción da comercialización que desenvolve a entidade.
A deputada Mónica Freire, que se achegou ata a gandeiría de Luis Miguel Rivera Otero, presidente da entidade en Feira do Monte, en Cospeito, anunciou “a continuidade deste apoio que a área de Medio Rural ven prestando a produtores e produtoras de gando ovino e caprino para encarar de xeito colectivo os retos que afronta un sector cun enorme potencial, que produce alimentos de calidade e colabora no mantemento do territorio e na fixación de poboación no rural”.
“Somos conscientes das dificultades engadidas que xerou a pandemia, primeiro cunha caída da demanda especialmente na hostalería e na restauración e logo cun de custes enerxéticos, acrecentado nos últimos días, que están a diminuír o beneficio das ganderías e que fai máis necesario o apoio institucional”, continuou a responsábel provincial.
O sector ovino e cabrún é un sector estratéxico para a provincia de Lugo, tanto dende o punto de vista económico (complemento de rendas coas ventas de cordeiros e cabritos criados de xeito tradicional), social (fixación e mantemento de poboación en zonas de montaña e desfavorecidas) e ambiental (o aproveitamento silvopastoril do gando é a mellor labor de prevención nos montes para reducir a incidencia dos lumes.
Ovica é a única asociación que reúne a todos os produtores de gando ovino e cabrún, tanto de carne como de leite, dispersos por toda a súa xeografía galega, porén coa sede na cidade de Lugo e con predominancia de ganderías na nosa provincia.
Unha das principais liñas de traballo de OVICA é a valorización das producións agrarias de calidade e a comercialización da carne, que impulsan, desde 2016, a través da Marca de Garantía “Pastores de Galicia” que ten como finalidade distinguir no mercado a carne de cordeiro e cabrito producida en Galicia e asociada ao aproveitamento dos recursos naturais mediante o pastoreo das nais e a alimentación dos cordeiros e cabritos a base de leite materno e cereais de produción local, servindo ao consumidor como garantía de orixe, sistema de produción, seguridade alimentaria, benestar animal e calidade.