Site icon Crónica3.com A Mariña

Llano aborda co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar as demandas das dúas escolas infantís

Burela, 2 de marzo de 2022. O alcalde, Alfredo Llano, mantivo esta mañá en Santiago un encontro co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, para analizar as demandas das dúas escolas infantís da localidade co obxectivo de ofrecer o mellor servizo posible á veciñanza. Llano fixo un balance positivo da xuntanza de hoxe.

O rexedor explicou que “por petición do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a través do xerente, Perfecto Rodríguez, estivemos hoxe en Santiago falando das dúas escolas infantís que temos en Burela. Repasamos o funcionamento integral destes centros para ofrecer un bo servizo, que eu penso que o xa hai nas escolas infantís de Burela. Pero hai algunhas cuestións que había que abordar, como é o deterioro do valado e das dúas cancelas de entrada que temos na escola infantil dos Castros. Estivemos mirando como se pode facer para substituílas o antes posible, dado que incluso poden supoñer un perigo para os usuarios. Vanse reparar o antes posible, con material de calidade e resistente que non se oxide tan doado. Estivemos falando tamén doutros problemas que hai nesa escola infantil, como a bomba de calor, e falamos de cómo optimizala porque agora o prezo da electricidade condiciona moito o investimento que hai que facer ao longo do ano”.

Llano contou que “tamén falamos da escola infantil que está no Vista Alegre porque hai unha serie de peticións por parte da directora con respecto a investimentos para atender ben aos rapaces e que teñan todos os servizos adaptados ás súas idades, de 0 a 3 anos”.

O alcalde de Burela dixo que “chegamos a unha boa conclusión, houbo fluidez na comunicación e hai interese mutuo para que todo funcione perfectamente. Non van tardar en facer unha visita ás dúas escolas para ver in situ como se poden atender da mellor maneira posible as necesidades que manifesten as direccións dos centros e os usuarios. Polo tanto foi unha reunión agradable e frutífera tanto para o Concello como para o Consorcio. Así que enseguida se notará o que tratamos hoxe, quedamos de volver falar en Burela de cómo atender mellor o servizo, aínda que eu penso que agora mesmo xa se está dando moi boa atención, de calidade, nestes dous centros infantís de Burela”.

Exit mobile version