Viveiro, 9 de marzo de 2022. O Concello de Viveiro informa que o grupo de participación xuvenil de Viveiro, xunto á concelleira de Benestar Social, instalaron no casco histórico unha serie de lazos violetas e mensaxes deseñados polos menores. A acción ten por obxectivo visibilizar a loita das mulleres pola igualdade de xénero, con motivo do 8 de marzo.
Asemade, con motivo deste día as rapazas e rapaces do grupo de participación xuvenil fan uso dos suadoiros deseñados pola empresa viveirense LAG cos que foron agasallados pola concellería de Benestar Social. Segundo a súa responsable Victoria Baamonde, “coa intención de dar unha maior visibilidade ao grupo e poñer en valor o seu logo, o cal representa cada unha das parroquias do noso municipio, as súas características e climatoloxía, así como o lema NÓS SOMOS O CAMBIO”.
“Dende o Concello agradecemos a todos as mozas e mozos deste grupo o seu compromiso a prol do desenvolvemento integral de Viveiro, a través das súas propostas e actividades”, resalta a concelleira de Benestar Social.
Ademais, dúas rapazas do grupo de participación xuvenil formaron parte do grupo de mulleres que deu lectura ao manifesto da concentración de onte, Día Internacional da Muller.