Lugo, 8 de marzo de 2022. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, subliñou hoxe que o Goberno dá hoxe un novo paso cara a igualdade coa aprobación do Plan Estratéxico para a Igualdade Efectiva entre Mulleres e Homes 2022-2025, anunciado polo Presidente do Goberno. Isabel Rodríguez, que leu esta mañá un manifesto na Subdelegación do Goberno con motivo do Día Internacional da Muller, destacou os avances sociais en materia de igualdade, enfatizou o valor do feminismo “un movemento amplo, integrador, que mellora as nosas sociedades” e advertiu que segue habendo importantes retos pendentes.
Rodríguez chamou a atención, en primeiro lugar, sobre o feito de que “a nosa sociedade segue convivindo con ese terror que supón a violencia de xénero” e lembrou que no que levamos de ano xa foron asasinadas 6 mulleres.
“Urxe erradicar a violencia de xénero da nosa sociedade e non debemos parar ata conseguilo”, manifestou a subdelegada que lamentou a existencia de grupos que negan a violencia machista e agradeceu o compromiso das forzas de seguridade nesta loita e puxo como exemplo as gardas civís “Silvia e Yolanda, que nos acompañan neste acto e nas últimas horas, estando libres de servizo, xunto cos compañeiros cos que se atopaban, non dubidaron en impedir unha agresión machista nas rúas de Lugo”.
A subdelegada celebrou os avances dados por España en materia de igualdade, pois “o noso pais ocupa a sexta posición da Unión Europea en igualdade de xénero, temos o Goberno con máis mulleres da Unión Europea e de toda a súa historia, un Goberno feminista, o único que incorporou a igualdade entre homes e mulleres como un dos piares do Plan de Recuperación”. Con todo, advertiu de que “cuestións como a fenda salarial, o tipo de xornada ou a conciliación seguen sendo retos que debemos superar”.