A instalación de dita carpa é posible grazas á firma dun convenio nominativo, a través dunha subvención, entre o Concello de Viveiro e a Deputación Provincial de Lugo, sendo a Xunta de Cofradías a encargada de organizar as actividades a realizar dentro desta carpa, que un ano máis servirá como “antesala dun museo” para disfrute de veciños e visitantes.
“Xa estamos a poucas datas dunhas das edicións máis emotivas da nosa Semana Santa despois de dous anos de dura pandemia, polo que temos a seguridade de que será un éxito”, afirma a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, que quere agradecer “o traballo da xunta de cofradías”.
Este ano, a carpa instalouse con anterioridade ás datas habituais debido á que a Xunta de Cofradías decidiu cambiar a ubicación da celebración do Certame de Bandas Cidade de Viveiro, que esta tarde alcanza a súa décima edición e que se viña celebrando nas instalacións do Teatro Pastor Díaz de Viveiro.
O motivo deste cambio de ubicación do Certame de Bandas é a situación derivada da pandemia, co obxectivo de facilitar maior espazo tanto aos compoñentes das catro bandas participantes nesta edición (Banda TAU, Banda Naval de Viveiro, Banda da Misericordia e Agrupación Musical Nuestra Señora del Carmen de Ferrol) así como ao público asistente a dito acto.
Dende o goberno municipal quérese agradecer publicamente á Deputación de Lugo pola súa boa disposición asinando este convenio que permite ao Concello de Viveiro seguir colaborando coa Semana Santa, como unha das celebracións máis representativas do municipio, e contribuír ao seu engrandecemento e proxección.