Ribadeo, 22 de marzo de 2022. O alcalde, Fernando Suárez, achegouse esta mañá á Casa do Viejo Pancho ao curso de inglés básico para atención ao público, que se imparte dentro do proxecto Ribadeo Suma Emprego. Desenvolverase desde hoxe os martes e os xoves durante cinco semanas.
O rexedor contou que “dentro deste proxecto formativo Ribadeo Suma Emprego, que se vén desenvolvendo nestes últimos tempos, estamos impulsando servizos de orientación laboral. E agora, con moito éxito de participación, puxemos a andar este pequeno obradoiro de inglés básico para atención ao público que se vai dar na Casa do Viejo Pancho os martes e os xoves durante 5 semanas e que está dirixido a todas aquelas persoas que non posúen estes coñecementos lingüísticos, pero que o seu ámbito profesional evidentemente ten unha relación coa atención ao público. Son conceptos básicos en inglés e vocabulario, que van permitir ter unha conversación e mellorar o desempeño do traballo”.
Suárez Barcia dixo que “todo isto súmase a outras actividades que xa fixemos de competencias dixitais básicas, en habilidades sociais para o emprego e con outras novas, que proximamente iniciaremos, con competencias clave de nivel 2 e 3, e ademais un novo portal de emprego, que tamén está previsto”.
O alcalde engadiu que “todas estas iniciativas que diriximos desde o Concello de Ribadeo con fondos municipais facémolas para intentar axudar e dar máis formación para a busca de emprego e para poder desempeñar mellor os postos de traballo”.