“Ouh irmán home, irmán rebelde benaventurado / que alzas o bruído de amor tan arriba / que o firmamento esgázase en vermellas bandeiras / e os mares arrepíanse da túa valentía”.
Nestor, compañeiro e amigo: pedinlle prestados estes versos a Antón Avilés de Taramancos. Xa sabes, hai momentos nos que un non atopa as palabras precisas. E o de “irmán rebelde” é o apropiado para falar de ti. Rebelde, insurxente, diante das inxustizas, como ti tes feito toda a túa vida. Militante do sindicalismo nacionalista en Abengoa, Cotelsa e Alcoa. Fixeches parte das candidaturas do Bloque Nacionalista Galego, en Viveiro. Solidario: fundaches a Asociación Galego-Cubana Xulio Trigo. Con valentía, neste tempos que nos tocou vivir, onde non é doado nadar contracorrente.
Obrigado Nestor polo teu exemplo. Que a terra che sexa leve e as túas cinzas se espallen por todo o val, na túa Valcarría.