Viveiro, 11 de marzo, 2022. Hai unhas semanas Avenged Sevenfold comunicounos que decidiran cancelar a súa xira europea en 2022 para centrarse na gravación do novo disco. Desgraciadamente, non poderemos contar con eles en 2022 e esperamos que poidan vir proximamente xa co seu novo traballo debaixo do brazo.
Con pouco tempo de marxe, buscamos para o seu lugar unha banda especial, que puidese dar un concerto de gran calidade e cun espectáculo incrible para o noso público. E cremos que o atopamos sen ningunha dúbida. Ademais, é unha das bandas máis queridas do festival, fixo que xa sabedes quen é.
Énchenos de orgullo contarvos que esa banda, son os franceses Gojira! Serán os encargados de encabezar a xornada do sábado do festival co maior concerto que xamais fixesen en España, cunha produción xigante e un concerto de longa duración cun set moi especial para a ocasión. Será un show que marcará un antes e un despois na súa carreira, e estamos moi orgullosos de formar parte da súa historia. Será dos poucos festivais que farán en 2022, así que o gozaremos moitísimo.
Noutras actualizacións, Torche non poderán estar connosco no noso festival, polo que os belgas Wiegedood ocuparán o seu lugar no noso Desert Stage. Ademais, as españolas The Broken Lingerie separáronse hai un tempo, e Grippers serán quen substituirán ao grupo.
Lembrámosvos que os abonos están esgotados desde o ano pasado debido á alta demanda. Segue habendo entradas da nosa festa de presentación e as últimas entradas para xoves, venres e domingo. Tamén sabede que as nosas zonas de descanso Beachcamp e Glamping xa á venda, e tamén as viaxes organizadas desde media España. Vés celebrar o noso 15+2º aniversario? Esperámosche!