Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez envioulle unha carta ao presidente da Fegamp ofrecendo a colaboración de Ribadeo para a acollida dos refuxiados de Ucraína

Ribadeo, 9 de marzo de 2022. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, envioulle tamén unha carta ao presidente da Fegamp, Alfredo Varela, ofrecendo a colaboración do Concello para a acollida dos refuxiados de Ucraína que puidesen chegar a esta zona. Fernando Suárez considera necesario “dar un paso máis aló”.

Na carta o rexedor sinala que “en Ribadeo, como supoño que na totalidade dos Concellos galegos, estamos estremecidos pola situación que se está a vivir en Ucraína por mor da intolerábel invasión do exército ruso”.

E subliña que “máis aló das declaracións de condena que todas e cada unha das institucións galegas andamos a facer, coido que deberamos dar un paso máis aló para a coordinación da acollida de tantos refuxiados cuxa cifra aumenta terribelmente día a día”.

Suárez Barcia fai partícipe a Alfredo Varela do escrito que esta semana lle remitiu tamén ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, no tocante a dous aspectos: “o primeiro deles foi o de convidalo a ofrecer non só unha instalación da súa titularidade en Ribadeo (o Centro de Experimentación Agraria Pedro Murias) senón tamén o Albergue Xuvenil da Devesa, que é da titularidade autonómica e atópase nun óptimo estado para acoller a ducias de persoas durante un tempo indeterminado. E o que lle ofrecemos desde o Concello de Ribadeo foi coordinar e crear unha rede de voluntariado entre as familias de Ribadeo que quixeran de xeito solidario e altruísta manter contacto e iren integrando na nosa sociedade a estes posibles refuxiados e refuxiadas, posto que ter á xente durante un tempo indeterminado nunhas instalacións a modo de campamento de refuxiados non resolve o problema de integración nin de superación dos traumas que poden traer por mor da guerra”.

A carta enviada ao presidente da Fegamp remata así: “confiamos plenamente nas vosas capacidades de mediación perante as administracións estatal e autonómica para lograr no menor tempo posíbel unha rápida e eficaz actuación para a que debedes saber que contades con todo o noso apoio e ánimo para traballar xuntos”.

Exit mobile version