Compostela, 23 de marzo, 2022. Esta mañá centos de persoas, convocadas pola Coordinadora Eólica Así Non, da que fai parte ADEGA, concentráronse diante das portas do Parlamento Galego e da Valedora do Pobo para denunciar o recurte de dereitos democráticos da cidadanía galega durante a actual vaga eólica. Varios representantes da coordinadora leron un manifesto titulado “Feijóo, non imos calar! Pola defensa do interese público e os dereitos de participación cidadá” no que acusaron ao presidente da Xunta de impulsar normativas que son “auténticos golpes de estado contra os dereitos de información e participación pública”, en referencia á lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais de 2017 ou a máis recente lei de simplificación administrativa de 2021, máis coñecidas como “leis de depredación”. Estas normativas foron concibidas para facilitar a tramitación e autorización dos proxectos industriais promovidos, entre outras, polas grandes empresas e multinacionais da enerxía, á custa de eliminar garantías ambientais, favorecer a expropiación de terras, privatizar recursos públicos, dificultar a consulta de documentación administrativa, recurtar prazos de exposición para alegacións ou privatizar a función pública.
A Coordinadora Eólica Así Non advirte que este recurte de dereitos democráticos da cidadanía e a discriminación administrativa desta fronte os intereses do Capital están a ser especialmente patentes desde o inicio da pandemia e nos procedementos administrativos relacionados coa tramitación de proxectos eólicos. A meirande parte das entidades que forman parte da coordinadora denuncian ter sufrido experiencias de abuso ou deixazón por parte da administración pública á hora de requirir o acceso aos expedientes de proxectos eólicos ou poder participar debidamente na fase de alegacións ou como partes interesadas, feitos que están obrigando a estes colectivos a reclamar sistematicamente o amparo da Valedora do Pobo. Porén, a intervención desta institución non sempre acaba reparando o déficit democrático, pois “cando os interesados/as acadamos o acceso á información (se é que nolo dan) xa é tarde para poder influir na resolución dos expedientes eólicos”. “Existe un claro intento por parte da Xunta de Galiza de desmobilizar e bloquear a sociedade galega que se opón a esta avalancha eólica, a través de reformas legais, silencio administrativo, acumulación de proxectos en fase de exposición ou a imposición de trabas administrativas”, explican.
Apoio da Xustiza e denuncia na Comisión Europea
Os colectivos e plataformas reunidos diante do Parlamento lembraron que, en tan só dous anos, a Xustiza galega xa anulou tres proxectos eólicos aprobados polo goberno de Núñez Feijóo, por ser contrarios á lexislación vixente. Trátase dos proxectos eólicos Serra do Iribio, o repotenciamento do Parque Eólico de Corme e o proxecto eólico de Sasdónigas (fase I e II), ratificado como ilegal polo Tribunal Supremo. Para a Coordinadora Eólica Así Non, todos estes fallos xudiciais son unha mostra obxectiva da discrecionalidade e da falta de garantías xurídicas, ambientais e sociais coas que a Xunta está a abordar a xestión desta invasión eólica. Precisamente, unha destas sentenzas reprende á Xunta de Galicia por vulnerar dúas directivas europeas e a lei de avaliación ambiental ao recurtar á metade o prazo de alegacións aos estudos de impacto ambiental e facer unha exposición pública incompleta dos proxectos.
Apoiándose nestas sentenzas xudiciais e en ducias de casos concretos que exemplifican asalto aos dereitos de información e participación cidadá, Eólica Así Non, co apoio de máis de 175 entidades galegas, presentará unha denuncia diante da Comisión Europea co gallo de que se inicien investigacións que auditen a mala praxe administrativa da Xunta e, en xeral, da administración pública diante da actual vaga eólica. Apoiando a mobilización tamén estivo a europarlamentaria do BNG, Ana Miranda, xunto cos deputados Lois Bará e Noa Presas.
Un cento de reclamas presentadas na Valedora e dirixidas a Núñez Feijóo
Durante o acto, as persoas manifestantes organizáronse en ringleira diante da porta do rexistro da Valedora do Pobo para presentar formalmente a súa queixa dirixida ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pola vulneración sistemática dos dereitos de acceso á información e participación pública no tocante á tramitación de proxectos eólicos en Galiza. No trancurso do acto conseguíronse presentar arredor dun cento de queixas.
A través deste escrito, que transcribe case literalmente as palabras do manifesto “Non imos calar!”, lémbrase ao Executivo galego que a participación democrática da sociedade non só se limita aos períodos de exposición pública ou aos procesos electorais: “As galegas e galegos temos dereito a participar na elaboración das leis e dos instrumentos de planificación, no deseño de programas e proxectos e na vixilancia e promoción dun correcto funcionamento democrático das institucións públicas”. Neste senso, incide o escrito en que ningunha das “leis de depredación” foi sometida á fase pública de alegacións, nin seguiu o proceso ordinario de tramitación. Tampouco o Plan Sectorial Eólico de Galiza vixente foi sometido a exposición pública nin pasou o filtro da avaliación ambiental estratéxica, carecendo, por tanto, do aval ambiental e social dos galegos e galegas.
Paralelamente, Eólica Así Non convidou a todos os cidadáns e cidadás de Galiza críticos con este recurte de dereitos a dirixir a súa queixa ao presidente da Xunta a través de calquera rexistro público. A tal efecto, suxiren descargar e cubrir un documento no que ademais de esixir a derrogación das “leis de depredación” se pide: a declaración dunha moratoria eólica real; a avaliación ambiental estratéxica dun novo Plan Eólico; a tramitación urxente dunha proposta de amplicación da Rede Natura 2000; a inclusión dos colectivos sociais no Observatorio da Eólica Mariña; a convocatoria urxente dos organismos consultivos e o cumprimento exhaustivo da normativa europea, estatal e galega en materia de acceso, participación pública, transparencia e bo goberno.