Elena Candia manifestouse “optimista” con este proceso que, “non me cabe a menor dúbida, servirá para abrir unha nova etapa no Partido e en España”. Referíase así a dirixente provincial aos momentos máis complicados da formación e á grave crise que están atravesando sectores como o gandeiro ou o do transporte, que reclaman “a voces” unha baixada de prezos. “Hoxe, sen máis, estivemos en Burela coas confrarías de pescadores; outro gremio moi prexudicado pola inflación disparada e que o Goberno non é quen de atallar”.
“Esta situación non se pode soster. Temos un Goberno que é especialista en crear problemas, non en solucionalos. Por iso, estou convencida de que o Partido Popular, con Alberto Núñez Feijóo á cabeza, é máis necesario ca nunca. Toda España está esperando a Feijóo. Creo que veñen bos tempos”, remarcou.
Pola súa banda, Ramón Carballo agradeceu a colaboración dos centos de lucenses que nesta xornada apoiaron masivamente a candidatura do candidato galego. “Respírase esperanza; respírase ilusión; respírase un cambio”. Por iso, engadiu, “creo que con Feijóo se abre un novo horizonte co que poder rescatar a tantos e tantos españois, galegos e lucenses das consecuencias de ter a Sánchez no Goberno, apoiado por uns socios que nunca é rendible telos como aliados”.
Compromisarios
A provincia de Lugo estará representada no 20 Congreso Nacional do PP, que se celebrará a primeira fin de semana de abril en Sevilla, con 55 compromisarios, ademais de pola dirección provincial e outros cargos orgánicos do Partido.