Site icon Crónica3.com A Mariña

Dolorosa derrota do Pescados Rubén Burela por 1-3 ante o Levante UD

Burela, 19 de marzo, 2022. Dolorosa derrota do Pescados Rubén Burela por 1-3 ante o Levante UD que aproveitou a súa pegada na recta final de partido para levar os tres puntos de Vista Alegre. Unha vez máis, o conxunto mariñao acariñou o triunfo pero a súa falta de eficacia acabou pasándolle factura na xornada 19 de Primeira División.

O encontro entre galegos e valencianos comezou cun gran ritmo e ambos conxuntos mostrando un xogo alegre. Nos primeiros compases do partido os burelistas probaron a posta a piques de Fede que respondeu con solvencia a disparos de Quintela e David Pazos. O Levante ameazou a portería de Edu por primeira vez cun disparo de Rivillos que se estrelou no traveseiro, acción que deu paso a un intenso intercambio de golpes. Pedro Toro disparou desviado nunha boa ocasión fronte a Edu, Quintela volveu atoparse con Fede, Edu freou a Araça e a Rivillos para dar paso a un momento de recuperación no encontro.

Non durou demasiado a calma en Vista Alegre e tras aviso de Pedro Toro cun disparo cruzado chegou o 0-1 por mediación de Rubi tras culminar unha contra levantina. A resposta laranxa non se fixo esperar pero o disparo de David Pazos estrelouse no pau, de novo a fortuna esquivaba a un conxunto burelense que merecía máis no partido. A pesar diso, os de Riquer mostraron coraxe e Isma puxo a proba a Fede con dous disparos afastados sen premio.

A alegría chegou á bancada burelista co empate logrado por Wanderson ao finalizar un contragolpe e bater por baixo a Fede a 12 segundos do final.

Co empate a un tanto chegouse ao descanso e na continuación mantívose o esquema de partido inicial. O Pescados Rubén Burela volveu gozar das primeiras ocasións e, outra vez, o pau desbaratou a oportunidade de David Pazos. A segunda parte estaba a resultar un calco do primeiro período. Xogo aberto de ambos os conxuntos con moitas chegadas á área rival pero sen definir correctamente no tramo final.

Tras superar o minuto 27 de partido o Pescados Rubén Burela pasou a dominar con máis seguridade ante un Levante que esperaba á caza dun contragolpe. Non logrou aproveitar o seu momento o conxunto burelista e no minuto 37 chegou a poutada visitante. Con xogo de cinco Gallo marcou o 1-2.

De novo, o mesmo guión para os burelistas que tentaron reaccionar con porteiro xogador sen éxito. A sentenza chegou nun contragolpe mortífero que Rubi define con clase e eficacia para situar o 1-3 definitivo no electrónico.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela: Edu, Isma, Alex Diz, David Pazos, Quintela –cinco inicial- Lucho, Iago Míguez, Pitero, Wanderson, Renato e Shunta.

Levante UD FS: Fede, Maxi Rescia, Rivillos, Rubi, Pedro Toro – cinco inicial- Hamza, Araça, Tolrá, Gallo, Roger, Rafa Usín,

Goles: 0-1, min.16, Rubi; 1-1, m.20, Wanderson; 1-2, m.37, Gallo; 1-3, m.38, Rubi.

Árbitros: Mayo López, Panadero Díaz-Concha. Pescados Rubén Burela, cartón amarelo a Lucho e Wanderson. Levante UD FS, cartón amarelo a Roger e Rubi.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 19 de Primeira División RFEF. Disputado no pavillón Vista Alegre de Burela. 700 espectadores.

Exit mobile version