Burela, 22 de marzo de 2022. A Concellería de Inmigración, Cooperación e Integración organizou actividades como charlas, xogos e concursos de lemas, debuxo e pintura para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Discriminación Racial, que se celebrou onte, 21 de marzo. Onte houbo charlas nos IES de Burela, que se repetirán nos Ceips o día 24.
A concelleira de Integración e Inmigración, Noelia Mª Ben, explicou que “tivemos charlas de sensibilización e motivación tituladas Se queres, podes, destinadas a alumnado de educación primaria e secundaria dos colexios e institutos de Burela. Onte foron nos IES Monte Castelo e Perdouro e o 24 de marzo serán nos CEIPs. Paula Jorge Horta, ex-alumna dos centros educativos de Burela e graduada en maxisterio, é a encargada de impartir estas conferencias co obxectivo de sensibilizar aos rapaces e rapazas da importancia da continuación de estudos e da igualdade de oportunidades. Queremos agradecerlle a súa implicación e colaboración desinteresada coas actuacións que se desenvolven desde o programa de integración a inmigrantes”.
A concelleira de Inmigración e Integración seguiu a relatar que “tamén organizamos a Ocainmigrante, para o alumnado de 3º de primaria dos Ceips Virxe do Carme e Vista Alegre, coa colaboración da Aula de Medio Ambiente Gaia. Será o día 25 de marzo. Con esta actividade preténdese sensibilizar aos máis novos sobre esta temática e ensinarlles a ver o mundo dende outra perspectiva, así como facelos conscientes das necesidades existentes na contorna que nos rodea. Mediante distintas probas van coñecendo aspectos como o racismo, inseguridade e desamparo, acollida, pobreza, tolerancia e respecto, guerras, marxinación, malos salarios, rexeitamento, integración, inxustiza,…”.
A Concellería de Integración e Inmigración convocou os VIII Concursos de Lemas e Debuxo e Pintura para o Día Internacional para a eliminación da discriminación racial Os obxectivos pasan por transmitir a través de mensaxes curtas ou debuxos a importancia da educación en igualdade e a necesidade de eliminar a discriminación racial, así como a súa prevención. As bases para poder participar nestes concursos estarán publicadas na sede electrónica do Concello de Burela proximamente.