Estas axudas servirán para sufragar as becas que percibirán os rapaces e rapazas por un período de prácticas non laborais de tres meses. A remuneración total que como máximo recibirá o alumno ou alumna é de 2.084,47€, o que supón 1,2 veces o IPREM mensual. No caso de persoas cunha discapacidade superior ao 33%, a contía total a percibir será como máximo de 2.431,88€ por alumno, 1,4 veces o IPREM mensual. Cada entidade ou empresa beneficiaria das axudas poderá contar con varios alumnos ou alumnas.
Poden optar a esta convocatoria todas aquelas empresas de calquera sector, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro da provincia de Lugo que queiran incorporar no seu equipo a mozos para prácticas non laborais e que firmen un convenio co Servizo Público de Emprego con esta finalidade.
O prazo de presentación de solicitudes é de 60 días naturais e deben cumprimentarse por vía telemática na web www.eoi.es. As axudas concederanse a través dun procedemento de concorrencia competitiva.
Para que as prácticas sexan subvencionables terán unha duración por un período de tres meses, cunha xornada mínima de 4 horas ao día e de 30 horas semanais como máximo.
Un programa con inserción laboral real
O programa Reiníciate: enfoca o teu futuro xa incorporou ao mundo laboral aos primeiros mozos e mozas que participaron neste plan de formación e emprego xuvenil impulsado pola Deputación de Lugo e a Escola de Organización Industrial. Estas primeiras formacións estiveron centradas nas profesións de communitiy manager, auxiliar de xestión informática para PEMES e asociacións, auxiliar de xestión informática especializado en subvencións e licitacións públicas, e experto en ciberseguridade.
Este programa ten como obxectivo favorecer a inserción no mercado de traballo dun total de máis de 400 mozos e mozas da provincia de entre 16 e 30 anos, en situación de desemprego e inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil, ofrecéndolles para elo formación gratuíta e prácticas remuneradas en empresas e entidades en profesións con alta demanda vinculadas coas novas tecnoloxías e a dixitalización.
Promovido pola Deputación e a EOI, este programa conta cun orzamento total de 1.082.950€, achegados nun 85,9% pola Escola de Organización Industrial a través do Fondo Social Europeo, o que supón 930.254,05€. A institución provincial asume o 14,1% restante, o que supón 152.695,95€. Este programa forma parte do Plan de Impulso da Economía da Provincia lanzado pola Deputación para favorecer a reactivación do tecido produtivo fronte ao impacto da pandemia.
A iniciativa dá continuidade ao Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, que tamén puxeron en marcha ambas entidades e que está tendo moi boa acollida entre as empresas da provincia.
Continúa aberto o prazo de inscrición
O plan de formación e emprego xuvenil arrancou en xaneiro e ten aínda prazas dispoñibles. As formacións inclúen parte teórica e práctica, e contan cun total de 159 horas, que se dividen en clases de 4 horas ao día. Estanse a impartir de maneira semipresencial, co obxectivo de facilitar que o alumnado poida recibir formación dende calquera punto da provincia, dándolles un trato personalizado e fomentado o traballo en equipo.
A formación está dirixida, principalmente, á adquisición de coñecementos e tarefas vencelladas ás novas tecnoloxías, á dixitalización e á administración electrónica. Cada mes inícianse catro novas formacións.
Os contidos das vindeiras accións dos meses de abril e maio centraranse nas ramas de: community manager e márketing dixital, xestión informática para pemes e asociacións, xestión informática para licitacións públicas, xestión comercial e redes sociais.
As matrículas pódense formalizar en: https://empleojovenlugo.es/