Vega aposta, nese sentido, por “aproveitar os recursos que temos como pobo porque Ribadeo é un referente, conta con autovía e é porta de entrada a Galicia”. E, por suposto, impulsar o asentamento de empresas “para que as persoas escollan Ribadeo como lugar de vivenda” porque “ten que ir acompañado dun posto de traballo. Propostas deste calibre son importantísimas para seguir crecendo como pobo”.
O portavoz agradece á Xunta e á CEL por escoller Ribadeo como punto de asesoramento e colaboración para as empresas” e destaca que “fomos fundamentais”. De feito, “o Grupo Municipal Popular leva traballando con ese obxectivo dende o inicio do mandato en diversas liñas”.
Vega explica que “empresa e formación profesional van unidos”. Por iso, “quixemos xestionar moita formación profesional e agradecemos ao IES Porta da Auga e á escola de Pedro Murias por non ser conformistas e seguir impulsando iniciativas formativas”. No primeiro centro, implantouse formación específica sobre a construción de barcos de fibra en colaboración con Astilleros Gondán. No segundo, apoian e apostan polo sector forestal, un dos principais motores económicos da Mariña.
Vega: “Estamos traballando para que Ribadeo sexa ese motor económico dentro da Mariña e seguiremos impulsando medidas. Por iso para o vindeiro pleno municipal, temos previsto levar unha proposta de impulso para o polígono industrial”.
O portavoz do Grupo Municipal Popular sinala que “queremos que o prezo do solo se rebaixe nun 50% como nos polígonos de Viveiro e San Cibrao que xestiona a Xunta; que se rebaixen os impostos municipais (IBI, IAE e ICIO) nun 95% como se fai en Mondoñedo; e tamén queremos que se constrúa no polígono un Espazo Coworking como aceleradora de emprego, asesoramento a emprendedores e lugar de traballo”.