Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega: “Alegrámonos de calquera medida positiva para Ribadeo, pero continuamos a esixir que se rebaixe o prezo do solo do polígono nun 50%”

Ribadeo, 24 de marzo 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, considera “unha boa noticia que o Goberno central bonifique o prezo do solo do polígono industrial de Ribadeo”. De feito, explica que “o noso Grupo Municipal alégrase de calquera boa xestión ou calquera medida adoptada por calquera administración que beneficie a Ribadeo”.

O popular explica que “levamos dende o inicio deste mandato reclamando que se adopten medidas concretas para o noso polígono industrial, tanto por parte do Goberno central como tamén do goberno municipal do BNG”.

Unha desas medidas é a de rebaixar o prezo do solo. Nese sentido, o Grupo Municipal Popular sinalaba unha porcentaxe do 50% e “seguimos mantendo esa proposta”, defende Vega. Así mesmo, apunta que “é posible”. De feito, “é o que ocorre en Viveiro e Cervo. Estes polígonos, xestionados por Xestur, son de titularidade autonómica e teñen bonificado o prezo do solo nun 50%”.

Vega cre que “este tipo de medidas si benefician directamente ás empresas” e, polo tanto, favorecería que se asentaran en Ribadeo “onde temos un polígono industrial completamente baleiro”.

Foron tamén varias as ocasión nas que o Grupo Municipal Popular propuxo ao goberno local a baixada dos impostos municipais. O portavoz sinala que esta medida tamén é posible: “en Mondoñedo rebaixaron nun 95% os impostos municipais coma o IBI, o Imposto de Actividades Económicas, o ICIO…”. Polo tanto, “o goberno do BNG tamén pode aprobar esta rebaixa en Ribadeo”.

Esta medida beneficiaría ás empresas que se asentasen en Ribadeo, pero tamén ás que xa hai no noso concello e que “están moi cabreadas porque están a pagar este ano moitos máis impostos municipais que o ano anterior”, asegura Vega.

“O Grupo Municipal Popular defendeu e segue defendendo a creación dun espazo ou aceleradora que sirva de motor para a creación de emprego”. O popular fai así referencia aos ‘Espazos Coworking’ que “forman a moitas persoas para ser futuros emprendedores. Isto tamén benefician ao polígono industrial”.

O Grupo Municipal Popular levará este asunto de novo a pleno porque “é un tema serio e que beneficia a Ribadeo. Necesitamos empresas, necesitamos motores e músculo económico para o noso pobo”.

Exit mobile version