Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezou a segunda fase das obras de mellora das rúas e espazos públicos do barrio de San Miguel de Ribadeo

Ribadeo, 21 de marzo de 2022. Deu comezo a segunda fase das obras de mellora das rúas e espazos públicos do barrio de San Miguel. O investimento ascende a 48.000 euros.

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “seguimos nestes días traballando en mellorar o noso pobo. Concretamente estamos actuando na vila, no barrio de San Miguel, iniciando a segunda fase de mellora das rúas e espazos públicos que quedaron pendentes do ano anterior. Nesta segunda fase, imos actuar nunha serie de rúas e espazos públicos que levaban decenios esquecidos de calquera mellora”.

O rexedor sinalou que “ademais deste barrio de San Miguel imos amañar tamén a rúa Justo Barreiro, que estaba moi deteriorada, e dado que tamén é un paso obrigado de moito tráfico que vai ao Porto de Porcillán. Trátase dunhas obras de humanización, onde imos darlle un tratamento de aglomerado asfáltico a todas estas superficies pero que tamén aproveitaremos para a coloración de árbores, mobiliario urbano, reposición de beirarrúas nalgúns casos, así coma o pintado e sinalización horizontal”.

Suárez Barcia subliñou que “o proxecto de obras ascende a máis de 48.000 euros que proceden de fondos propios do Concello e que a obra foi adxudicada á empresa Desarrollos y Metas, S.L. a través dun proceso de licitación aberta”.

E engadiu: “nestes días polo tanto, haberá ruído, haberá molestias, pero o resultado, sen dúbida, ha ser moi positivo, tanto para os veciños daquela zona como para os veciños e veciñas da vila en xeral”.

Os traballos foron supervisados polo alcalde, Fernando Suárez, e pola concelleira de Obras, Mónica Freire.

Exit mobile version