Cervo, 31 marzo de 2022. No día de hoxe a tenente alcalde, Dolores García Caramés, e a concelleira de Igualdade e Muller, Pilar Armada, clausuraron as actividades que foron programadas polo Concello de Cervo no mes da muller coa súa visita ao CEIP Península da Paz, onde se celebrou un obradoiro sobre a importancia da muller na historia familiar.
Neste obradoiro, que se celebrou no CEIP de Cervo luns e martes, e mércores e xoves no CEIP Península da Paz, os alumnos e alumnas dos colexios elaboraron un mural onde materializaron a importancia das mulleres nas súas propias familias.
No taller impartido por Tarabela Creativa, os nenos e nenas, ademais de elaborar o mural, traballaron diferentes técnicas de narración oral e creación de relatos.
Estes murais estarán expostos proximamente, tanto nos centros de ensinanza, como nos principais edificios municipais, que son a Casa da Cultura e o Concello de Cervo, para que toda a veciñanza poda desfrutar destas magníficas obras.