Se a actuación do Goberno do Estado diante da crise inflacionaria ben pode alcumarse de serodia, parcial e pouco matinada a da Xunta ben pode alcumarse de inexistente, tanto en ideas como en actuacións concretas. Núñez Feijóo só acredita en baixar impostos de xeito permanente, o que agravaría permanentemente o actual infrafinanciamento dos servizos públicos sanitarios, sociais e educativos que fornece a Xunta de Galicia. E nunca nada dixo sobre as necesarias reformas do mercado eléctrico.
Na cuestión fiscal fallan tanto as esquerdas estatais presentes no Goberno do Estado (seareiras do mantemento da actual presión fiscal) como as dereitas estatais que non teñen proposta distinta da rebaixa fiscal permanente. Na Galicia foi o BNG o único que até de agora propuxo algo aquelado, coa rebaixa permanente do IVE da electricidade (ben de consumo de primeira necesidade e insumo esencial para a nosa economía) do 11% ao 4% e a temporal, referida á evolución dos prezos no curto prazo, dos Impostos especiais dos carburantes, mentres propón reformas que minguen os efectos inxustamente inflacionistas do sistema marxinalista de formación de prezos do sistema eléctrico e reclama esa tarifa eléctrica galega, compensatoria dos custos da nosa produció, protexendo ás persoas consumidoras e empresas galegas. Tarifa eléctrica que sempre rexeitou Núñez Feijóo, quizais pensando na oportunidade que agora se lle deu en Madrid, no canto de mirar polo noso.
O debate sobre a crise inflacionaria actual reflectiu o dependentismo que aniña nas esquerdas e dereitas estatais, como a crítica ás subvencións xerais ao prezo dos combustíbeis por “só favorecer aos colectivos con rendas altas”, que pode ser verdade nas áreas urbanas de Madrid ou Bilbao, ben fornecidas de transportes públicos, mais non nunha Galicia na que autónomos e traballadores dependen en grande medida do coche privado. Outravolta o dependentismo como eiva que lles impide a moitos facer as diagnoses acaídas para interpretarmos a realidade galega e propormos as solucións de futuro.
Un dos eixos fulcrais destas solucións de futuro son é o de reducir as dependencias de Galicia canto aos combustíbeis e insumos precisos para alimento do gando, así como na produción de alimentos, substancialmente reducida pola forestación de terras agrarias para eucalipto. Mais para desenvolver as políticas acaídas para rematar con estas dependencias Galicia precisa de consensos amplos na definición de proxectos tractores, administración de recursos ben orientados e máis unha ampla reforma do ordenamento territorial. E, dende logo, precisa de menos dependencias mentais de esquemas que nin explican a nosa realidade nin son quen a nos dar solucións de futuro.