Lugo, 25 de marzo de 2022. A área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo lanza un ciclo de cinco concertos do grupo Lucus Ensemble baixo o nome “A Muller na Historia da Música”. O primeiro realizarase no concello de Barreiros este domingo 27 de marzo ás 19 horas nos colexios vellos de San Miguel, e continuarán en vindeiras datas actuacións en Vilalba, Meira e Taboada.
A Vicepresidenta, Maite Ferreiro, subliñou a necesidade de “coñecer e achegar a todos os públicos os nomes das grandes compositoras e intérpretes da música, desfrutando da súa obra, moitas veces asinada por varóns e soterrada pola súa condición de mulleres, ocultando todo seu talento ao longo da historia”.
O proxecto da formación Lucus Ensemble, “A Muller na Historia da Música”, inspírase noutras disciplinas como as Belas Artes, eidos nos que as mulleres foron deliberadamente agochadas detrás de figuras masculinas e que institucións de tanto prestixio como o Museo do Prado decidiron sacar do esquecemento con distintas iniciativas.
Clara Schuman, Alma Mahler, Fanny Mendelson, María Anna Mozart son só algúns exemplos de destacadas creadoras eclipsadas por cónxuxes ou irmáns compositores que si pasaron ao Olimpo da creación musical.
Neste punto é onde nace o proxecto impulsado pola Vicepresidencia da man de Lucus Ensemble, un dos referentes musicais da provincia que comezou a súa andaina hai máis de seis anos co obxectivo de difundir a música de cámara e, neste proxecto en concreto, poñer en valor o talento das mulleres na historia da música.
Seguindo os principios fundacionais do grupo, divulgarán a importancia que tiveron grandes mulleres dende o punto de vista da composición, a interpretación ou a edición de destacadas obras musicais. Farano mediante cinco concertos de balde para o público en distintas localidades da provincia.